O BNG acusa o desprezo a nosa lingua no simposio “Apuntado ao Mar”
Ferrol 3 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusou esta mañá ao Presidente da Deputación da Coruña e ao goberno local de Ferrol de desprezar á lingua galega ao excluíla do simposio internacional “Apuntando ao Mar”, sobre as defensas costeiras que se celebrará a semana que ven na nosa cidade.
Maria do Mar López, concelleira do BNG, sinalou que unha vez máis temos que facer fincapé no desleixo á nosa lingua que fan as administracións organizadoras deste evento nomeadamente a presidencia da Deputación da Coruña e o noso concello que presta o teatro Jofre para desenvolvelo e onde comprobamos que a nosa lingua queda só enmarcada no nome da actividade.
Este simposio internacional “Apuntado ao Mar” ten toda a súa documentación, páxina web, programa e demais só en español.
María López, concelleira do BNG, afirma que unha vez máis se demostra o complexo dos organizadores xa que parece que a nosa lingua non lles serve para algo que leva a etiqueta de “internacional”. Esquecen que o galego é unha lingua que é máis internacional do que eles pensan e que nos insire no mundo falante galego-portugués. Aínda que non fora así, non debemos desprendernos da nosa lingua as primeiras de cambio xa que os interesados en acudir, asistirian igualmente.
Maria Lopez, concelleira do BNG, considera que é unha pena non se saiba ver todas as posibilidades da nosa lingua e se acobarden por unha mirada simplista e sen horizontes enmarcada nos complexos e prexuizos lingüísticos cara a nosa lingua.