IVÁN RIVAS LAMENTA QUE REY VARELA DESATENDERA AS MÚLTIPLES VOCES QUE PEDIRON MUDAR DE UBICACIÓN ESTA INSTALACIÓN.
O BNG pide desistir da execución do skate park no parque Antón Varela
Ferrol 17 de xullo de 2025. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixiu esta mañá ao goberno local que anule a licitación da construción dun skate park no parque Antón Varela por considerar un erro a súa ubicación, unha decisión que dana seriamente unha das zonas verdes mais salientabeis da zona e provoca unha forte división na cidade.
Iván Rivas, portavoz do BNG no concello de Ferrol, lamenta que o goberno local de Rey Varela desatendera as múltiples voces que pediron mudar de ubicación esta instalación. Asi mesmo consideran pouco ético a decisión unilateral do goberno municipal de retomar este proxecto aproveitando a época estival coa fin de que pasara inadvertido.
Rivas sinala que o parque Antón Varela é unha zona verde consolidada no barrio de Canido, amplamente empregada pola veciñanza e cunha forte carga simbólica, tanto porque leva o nome da figura de Antón Varela como por situarse na mesma o monumento as persoas represaliadas polo Franquismo na comarca, polo que a instalación desta instalación vai en detrimento desta zona do barrio como lugar simbólico do mesmo.
O BNG reitera a súa petición ao goberno local a reconsiderar a súa decisión e a emprazar dita zona deportiva noutra parcela do proprio barrio de Canido. Así mesmo o BNG non descarta promover iniciativas veciñais coa fin de preservar esta zona verde.
Iván Rivas lamentou a falla de sensibilidade do Alcalde ao non ter enconta a recente declaración de Ferrol como cidade de memoria e a inclusión do monumento aos asasinados polo franquismo nesta declaración.