A INICIATIVA INSTARÁ Á XUNTA A PROMOVER UN MARCO GALEGO DE NEGOCIACIÓN QUE GARANTA UN CONVENIO ADAPTADO Á REALIDADE LABORAL DA CLASE TRABALLADORA GALEGA.
O BNG levará ao Parlamento as reivindicacións das traballadoras e traballadores do comercio de alimentación
A Coruña, 2 de xullo de 2026. O deputado do BNG Mon Fernández levará ao Parlamento de Galiza as reivindicacións do persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña a través dunha Proposición non de Lei coa que reclamará o apoio da Cámara e instará á Xunta a promover un marco galego de negociación.
Fernández anunciou a iniciativa tras manter unha reunión, na que tamén participou a deputada Iria Taibo, con Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, e con traballadoras e traballadores de Gadis e Froiz. No encontro abordaron a situación do convenio provincial do comercio de alimentación da Coruña, actualmente en negociación.
O BNG trasladou o seu apoio ao persoal, que vén de protagonizar cinco xornadas de folga.
Durante o encontro, o persoal trasladou ao BNG a realidade dun sector altamente precarizado, con salarios que apenas superan os 1.100 euros netos ao mes, horarios difíciles de compatibilizar coa vida e unha carga de traballo cada vez maior.
A Proposición non de Lei defenderá a necesidade dun marco galego de negociación que protexa os dereitos do persoal e teña en conta as condicións específicas ás que se enfronta a clase traballadora galega.
Mon Fernández asegurou que «o seguimento masivo das cinco xornadas de folga confirma o malestar do persoal e a necesidade de avanzar nun convenio que mellore realmente as súas condicións laborais».
O deputado do BNG subliñou tamén que «falamos dun sector maioritariamente feminizado e, como ocorre noutros ámbitos altamente feminizados, leva décadas sufrindo unha infravaloración do seu traballo. Moitas veces, o salario das mulleres nestes sectores actúa na práctica como un complemento á economía familiar, unha anomalía que cómpre corrixir se queremos garantir a independencia económica das mulleres e avanzar cara á igualdade, tamén no ámbito laboral».