O BNG propón mellorar a seguridade peonil na rúa Celso Emilio
Ferrol 1 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego pediu hoxe ao goberno municipal que mellore a senda peonil habilitada na rúa Celso Emilio Ferreiro, en Canido e reforce a seguridade na mesma.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que se trata dunha vía que é utilizada por moitas persoas e considera que o goberno local ten que facer un esforzo por garantir a seguridade na mesma e advertir a todas as persoas e vehículos que se adentran na mesma que se trata dun vial habilitado como senda peonil.
O BNG lembra que pola elevada presenza de peóns nesta rúa o concello decidiu habilitar na mesma unha senda peonil, pero tal e como esta concibida presenta moitas carencias en materia de seguridade; ao tratarse dunha vía cunha única plataforma sen máis diferenciación que a sinalética horizontal e uns bolardos que a día de hoxe non existen.
Iván Rivas, considera que esta rúa debería urbanizarse baixo uns criterios diferentes aos actuais, tendentes a aplicar sobre a mesma parámetros dunha mobilidade sustentábel e baseadas en darlle prioridade aos peóns sobre os automóbiles, pero namentras isto non se pode facer o normal é garantir unhas condicións mínimas para facilitar o tránsito peonil minimizando os riscos.
O BNG propón mellorar a sinalización en toda a vía, advertindo aos vehículos que se adentren na mesma que se trata dun espazo con preferencia peonil e reforzando a limitación dos espazos destinados as persoas e os destinados aos vehículos.