O BNG pide o fin da cita previa no concello de Ferrol
Ferrol 7 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol reiterou esta maña ao alcalde da cidade, o socialista Angel Mato, a solicitude para eliminar a cita previa obrigatoria e a mellora da atención presencial nos edificios e servizos municipais.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, afirmou que é hora de atender as demandas veciñais, abrir as portas do concello e dos edificios municipais á veciñanza que só buscan resolver trámites nesta administración. É inxustificábel que sigan existindo controis de acceso e limitacións á veciñanza en servizos municipais.
O BNG lembra que estas deficiencias na atención á cidadanía, foron postas en coñecemento do goberno municipal. Mesmo hai acordos plenarios da corporación de Ferrol, impulsados polo BNG, pedindo o libre acceso a todas as instalacións municipais desde inicios de 2022 que se atopan coa resistencia do goberno local para darlle cumprimento integro.
O BNG lembra as últimas recomendacións do Defensor do Pob quen dirixiu recomendacións ás administracións para que se corrixa e mellore o servizo de atención presencial evitando discriminacións coa cita previa. Iván Rivas agarda que estas advertencias do Defensor do Pobo sirvan para que o goberno local rectifique e permita á cidadanía o libre acceso ás dependencias municipais.
O BNG sinala que segue existindo un control de acceso à entrada do edificio municipal, o acceso a planta primeira do concello só funciona previa cita e hai servizos municipais onde a cita previa ten semanas de espera.