ROBERTO MONTERO. " EN FERROL O PP APOSTA POLO CEMENTO E POLA TALA INDISCRIMINADA DE ÁRBORES"
O BNG pide melloras para o parque situado ao carón da urbanización Albatros en Santa Icía
Ferrol 9 de xullo de 2026.O BNG de Ferrol pediu esta mañá ao goberno local que poña fin ao abandono ao que ten sometido o parque da urbanización Albatros, situado en Santa Icía, pola falla de mantemento e de equipamentos. O BNG solicita resolver de inmediato os defectos básicos que ten o parque e propón contemplar varias melloras.
Os nacionalistas realizaron días atrás unha visita a este parque en Santa Icía, na que participaron o concelleiro Roberto Montero, o deputado e candidato a alcaldía Mon Fernández e a responsábel comarcal Pilar Lozano, que estiveron acompañados polo presidente da asociación veciñal José Ramón Mosquera.
“ Un parque que podería ser moi utilizado pola veciñanza, máis aínda nestes días de calor, só se utiliza para dar algún pequeno paseo, a veciñanza non se pode sentar a sombra e os nenos e nenas non se poden nin achegar a zona infantil na que hai unha pereira baixo a que se acumulan as peras podrecidas, pasando semanas sen que ninguén as retire, con centos de avespas o redor” expón Montero
Tanto dende o BNG como dende a AVV de Santa Icía esixen melloras urxentes para este parque, como a instalación de bancos nas zonas arboradas para que a veciñanza poida charlar e descansar a sombra, o arranxo e cambio de localización do parque infantil que agora está convertido nun avespeiro para que as crianzas poidan volver a usar, destinar unha zona a parque bio-saudábel coa instalación de maquinas deportivas de baixo impacto, instalar unha fonte de auga potable e o arranxo do chan e dos camiños que actualmente é unha capa de cemento irregular.
Os nacionalistas afirman que o parque de Albatros forma parte da tónica de abandono xeral o que ten sometido os parques e as zonas verdes do concello o goberno de Rei Varela. Mentres nas cidades que avanzan se aposta por mellorar as zonas verdes, para mitigar a temperatura e mellorar a calidade de vida da veciñanza, en Ferrol o PP aposta pola cementación e pola tala indiscriminada de arbores, as recentes talas da rúa irmandiños e da praza de Rosalía de Castro hai que engadir a intención do goberno municipal de cementar 400 m2 na praza Antón Varela de Canido para situar un skatepark sen ter estudiado ningunha outra posible alternativa.
“A política de Rei Varela de anunciar un novo contrato de mantemento de zonas verdes aos catro ventos, forma parte da súa política de propaganda, mentres se afonda na privatización dos servicios e se suprimen supervisores e persoal municipal, o problema persiste porque é un problema de modelo non de a que empresa se lle adxudique, problema que a propaganda do PP non vai arranxar, onde o goberno deixa facer as empresas o que queren sen ningún control municipal” critica Montero.