MON FERNANDEZ: “O CONCELLO DE FERROL TEN QUE VELAR POLO SEU PATRIMONIO, CONSERVALO E POÑELO EN VALOR E O MERCADO DA MADALENA É UN DOS PRINCIPAIS EXEMPLOS DA IMPORTANCIA DE REVITALIZAR O NOSO”
Món Fernández propón revitalizar o mercado da Madalena
Ferrol 20 de xullo de 2026. Mon Fernández, candidato do BNG a alcaldía de Ferrol, mantivo un encontro coa representación dos comerciantes do mercado da Madalena, co obxectivo de solventar os problemas aos que teñen que facer fronte e revitalizar este espazo como un dos motores comerciais da cidade, xa que o mercado, na actualidade, está abandonado.
Mon Fernandez considera que o concello de Ferrol ten que velar, verdadeiramente polo seu patrimonio, conservalo e poñelo en valor. Considera que o Mercado da Madalena é un dos principais exemplos da importancia de revitalizar o noso: ten os mellores produtos, uns comerciantes que saben do seu e ademais é algo do que están orgullosos os nosos veciños e veciñas.
O BNG afea que o goberno local de Rey Varela non manteña unha comunicación fluida con este colectivo mesmo. Rey Varela leva tres anos sen reunirse con este colectivo, e dende o goberno non se lles informa debidamente de proxectos ou iniciativas que lles afectan. Asi mesmo considera que o concello debe axilizar os sistemas de concesión dos postos baleiros existentes no mercado municipal co obxectivo de facilitar a súa ocupación.
Mon Fernandez considera prioritario mellorar a imaxe do mercado con accións en positivo sobre o mesmo, empezando por unha correcta sinalización na cidade, algo inexistente na actualidade.
Cómpre que exista un un maior numero de postos en funcionamento xa que iso garante unha maior circulación de clientes e máis consumo en todos os postos. Así mesmo é preciso mellorar elementos como dotar ao mercado de melloras na comunicación tanto do transporte público como a ubicación dunha parada de taxi nas proximidades, ou dotar ao interior do mercado de bancos, ou carriños para a compra, asi mesmo é preciso buscar alternativas á perda do servizo de entrega a domicilio.
Xa por último o BNG considera que é preciso implementar pequenas melloras no mantemento diario, aplicando unha limpeza especializada destes recintos, tanto das instalacións como contentores específicos. Mellorar os aparcadoiros, tanto os de usuarios como os dos comerciantes, e mellorar as zonas de carga e descarga dende o interior do mercado con novos montacargas xa que os actuais están obsoletos.
Mon Fernandez comprometeuse a solventar todas estas cuestións e a comezar a desenvolver iniciativas neste senso dende o día de hoxe