O BNG considera irresponsábel o comportamento do goberno local na xestión do saneamento

Ivan Rivas
Ivan Rivas

O BNG advirte que o alcalde está a promover unha nova addenda ao convenio con ACUAES que incrementará os importes que os veciños e veciñas desta cidade teñan que pagar pola execución das obras de saneamento e unha prorroga do convenio de xestión da EDAR polo cal seguiremos a pagar a depuración do concello de Narón.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG considera irresponsábel o comportamento do goberno local na xestión do saneamento

Ferrol 22 de decembro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, considera irresponsábel o silencio e o comportamento do goberno de Angel Mato en relación coa situación do sistema de saneamento a menos dunha semana de que remate o convenio de xestión da depuradora e diante dos requerimentos de pago ao concello por parte da empresa ACUAES.

 

Para o BNG o alcalde desta cidade está a promover unha nova addenda ao convenio con ACUAES que incrementará os importes que os veciños e veciñas desta cidade teñan que pagar pola execución das obras de saneamento e unha prorroga do convenio de xestión da EDAR polo cal seguiremos a pagar a depuración do concello de Narón.

 

Iván Rivas, portavoz nacionalista, advirte que esta forma de actuar fai que se nos impute á veciñanza de Ferrol os custes de reparación, mantemento e conservación da depuradora, que sexamos os veciños e veciñas de Ferrol e Narón os que esteamos a pagar as obras e os atrasos na execución dos interceptores xerais, unhas obras declaradas de interese xeral en 1997 e que, polo tanto, eses custes deberían ter sido asumidos polo Estado igual que os custes do seu mantemento e conservación.

 

O BNG preguntou esta mañá na comisión de urbanismo ao respecto de cales son os importes que reclama ACUAES e en base a que se fan estes requerimentos de pago, do mesmo xeito, insistiu en demandar do goberno local unha postura ao respecto da xestión da EDAR. Diante destas preguntas o goberno local permaneceu mudo e adoptando a mesma actitude que os gobernos anteriores co obxecto de salvagardar os intereses da empresa EMAFESA e a empresa pública ACUAES.

 

Ivan Rivas censurou que o goberno de Angel Mato manteña o máis absoluto silencio sobre o convenio con Augas de Galiza para a xestión da estación depuradora, sobre os requerimentos por parte de ACUAES para o pago por conceptos que non foron aprobados por ningún órgao municipal ou pola addenda ao convenio que permanece sen aprobar.

 

Ivan Rivas pediu ao alcalde da cidade que deixe de comportarse como o testaferro de EMAFESA e defenda os intereses das veciñas e veciños de Ferrol. Lembrou que os custes do servizo están moi por riba dos custes reais de prestación destas infraestruturas e ademais estamos a pagar o 25% dunhas obras que debería asumir o Estado. Así mesmo, indicou que vinculado á xestión desta infraestrutura ian uns investimentos para o saneamento da zona rural que nunca se teñen desenvolvido, máis de 4,5 millóns de euros que manten retidos EMAFESA.

 

Iván Rivas sinalou que seguir aumentando esta bola de neve como está a facer o actual goberno local é un camiño errado e vai sendo hora que lle poñamos punto e final co obxectivo de que a xestión da depuración se faga en función de que os beneficiados sexamos os veciños e veciñas de Ferrol para o que cumpre devolver a EDAR a Augas de Galiza e esixir a ACUAES que asuma os custes das obras provocadas polos atrasos na súa execución e que dependen da súa xestión.

O BNG considera irresponsábel o comportamento do goberno local na xestión do saneamento