O BNG presenta en Ferrol a campaña animando a mercar no comercio local
Ferrol 23 de decembro de 2021. O portavoz do BNG en Ferrol, Iván Rivas, presentou esta mañá en Ferrol a campaña baixo o lema “Mellor local, mellor galego; aposta polo noso”, coa que o BNG quer facer unha chamada a consumir no comercio de proximidade nestas datas de grandes compras.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, lembrou que máis alá da iniciativa individual de mercar no comercio local, o sector comercial na nosa cidade leva moitos anos precisando que se tomen iniciativas, desde a administración local, que posibiliten o seu desenvolvemento. Unha situación a crise da covid non fixo máis que agravar.
Ivan Rivas sinalou que os cascos históricos da cidade, tanto o bairro da Madalena como o de Ferrol Vello son sen dúbida un claro exemplo no que se pode apreciar a realidade pola que está atravesar o comercio da cidade. Destacou a elevada porcentaxe de baixos baleiros, sendo as causas que provocan esta situación varias e transversais.
Rivas avanzou que compre apostar por acometer a peonalización do casco histórico, frear a posibilidade de implantación na cidade de máis grandes superficies comerciais, como a que continua prevista no Sánchez Aguilera, xunto con outras medidas como a posta en marcha dunha bolsa de baixos baleiros xestionada polo concello.
Así mesmo, Ivan Rivas, puxo como tarefa ineludíbel a posta en valor dos mercados municipais e a necesidade de executar o acordo, alcanzado co BNG, para a rehabilitación do mercado de Recimil, unha das necesidades básicas que ten este barrio e que contribuirá ao desenvolvemento social, económico e mesmo residencial desta zona da cidade. Para Iván Rivas este é un proxecto inaprazábel e destaca que a rehabilitación deste mercado posibilitará que se convirta nun dos principais focos de dinamización económica e social desta zona da cidade.
Esta campaña de apoio ao comercio local do BNG, está a ser desenvolvida por todo o país, vai acompañada de propostas concretas, entre as que destaca a necesidade dunha maior implicación da Xunta e do Concello. É preciso poñer en marcha unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes. O BNG quere unha lei que defenda o pequeno e mediano comercio galego e resulta necesaria para crear emprego e riqueza e sobre todo unha rede de distribución dos produtos galegos.