O BNG demanda un servizo ferroviario digno para Ferrol
Ferrol 21 de decembro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego concentrouse esta mañá na estación de ferrocarril de Ferrol para esixir un servizo ferroviario digno para Ferrol e evidenciar que pese a suposta chegada do AVE a Galiza en Ferrol seguiremos co actual illamento territorial co resto do país e do estado, tanto por ferrocarril como por estrada.
Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, aproveitou o acto para poñer en evidencia o esperpento que supón que ao mesmo tempo que se anuncia a chegada do AVE a Galiza contamos con dirixentes políticos das administracións responsábeis do noso futuro que gardan un silencio estruendoso. A actitude que mantén o alcalde da cidade e o presidente fa Xunta de Galiza diante do comportamento totalmente indolente que está a manter o goberno estatal ao respecto das conexións ferroviarias desta cidade e desta comarca é absolutamente inaceptábel.
Ivan Rivas, sinalou que o silencio do goberno local, que desde o momento en que tomou posesión se adicou a facer propaganda duns supostos estudos cunha dotación económica fantasiosa de 700 millóns de euros cando todas somos conscientes de cal é o proxecto necesario para renovar as infraestruturas ferroviarias necesarias para esta cidade que pasa pola execución dos investimentos consignados no seu momento nos orzamentos do estado, un investimento de 30 millóns de euros, e que levan décadas sen executarse.
Así mesmo, Rivas, falou da hipocrisía que está a manter o PP e o presidente da Xunta durante o ano pasado, mediante a propaganda permanente que deu en chamar pacto de estado por Ferrol, ou na reunión que mantivo co Ministerio de Transportes na que chegou a afirmar que a solución para as conexións ferroviarias de Ferrol pasa por: “incluír a Ferrol na axenda”. Cando a realidade nos demostra que Ferrol está, de facto, excluído do Eixo Atlántico Ferroviario e non o esta por falta de recursos económicos senón por falta de vontade política que nos permitan contar cunhas frecuencias e uns tempos de viaxe áxiles.
Iván Rivas lamentou que para os partidos estatais o prioritario sexa conectarnos coa capitalidade, co centro do estado, con Madrid. Esa é a súa prioridade e diante dese comportamento os representantes dos partidos estatais nesta cidade calan e asumen este deseño político. Nós, o BNG, obviamente non imos calar e imos a seguir denunciando e traballando para superar o illamento da nosa cidade e da nosa comarca.
Iván Rivas esixiu que se asuman os compromisos que teñen adquirido cos seus veciños e veciñas e se desenvolvan os investimentos comprometidos: Afirmou que desde o BNG non imos calar diante desta marxinación e avanzou que continuaremos a facer novos actos e desenvolver novas reivindicacións até contarmos cunhas infraestruturas dignas.