O BNG propón que os orzamentos incluan a remunicipalización do servizo de desbroces na zona rural
Ferrol 12 de maio de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol avanzou esta mañá a primeira das propostas que lle fará chegar ao goberno local co obxecto de sacar adiante os orzamentos municipais de 2021 e que consiste en que o servizo de rozas de vías e limpeza de cunetas na zona rural sexa asumido directamente polo concello.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, sinalou que esta proposta vai encamiñada a reorientar os orzamentos municipais e revertir a política de privatizacións e externalizacións de servizos públicos, desenvolvida neste concello desde o ano 2012 co Partido Popular á fronte desta alcaldía, e mellorar un dos servizos básicos que esta cidade presta. Neste caso, nun dos entornos desfavorecidos pola falla de investimento e apoio público como son os barrios e os espazos da zona rural.
O BNG salienta que o servizo de rozas de vías e limpeza de cunetas na zona rural ten na actualidade un importe asumible para ser prestado de maneira directa por este concello. 160.000€ foi a licitación deste servizo desenvolvida no ano 2017, un contrato que esta a a piques de rematar polo que se dan as condicións óptimas para poder asumir estes traballos de maneira directa a partir do mes de setembro deste ano, que é cando remata o contrato actual.
Outro dos motivos que nos debería levar a asumir a xestión pública deste servizo é que os custes son fundamentalmente laborais. Tres traballadores e traballadoras que permitirían ampliar o plantel e o cadro de persoal municipal despois de sufrir un proceso de adelgazamento e minoriación, ao longo de todos estes anos, en favor de privatizacións permanentes e constantes. Tamén resolvería unha problemática histórica que os veciños e veciñas da zona rural están a poñer sobre a mesa de maneira reiterada como son as deficiencias do servizo.
Este servizo de limpeza e desbroces faise de maneira esporádica e nunca cumpre as demandas e espectativas das entidades veciñais deste ámbito da cidade, debido principalmente a que se contrata con empresasa privadas nas que o seu obxectivo fundamental é o rendemento económico. Teñen, ademais, unha limitación vinculada aos quilometros contratados polos importes do contrato.
Desde o BNG consideramos que se somos capaces de desvincular este servizo destas empresas externas e asumilo a través dunha cuadrilla municipal de traballadores estas limitacións de 2 desbroces ao ano e que se teñen demostrado totalmente insuficientes desaparecerían e poderiamos actuar de maneira constante e prestar o servizo ininterrumpidamente ao longo de todo o ano. Unha cuestión que é demandada por parte dos veciños e veciñas da zona rural e que suporía unha importante mellora deste servizo.
É por isto que desde o BNG instamos ao goberno local a que o asuma como un dos seus obxectivos a desenvolver para estes orzamentos para o ano 2021, destinando o diñeiro que a dia de hoxe está consignado nos orzamentos para a contratación desa empresa privada a contratar o persoal e os medios necesarios para prestar directamente por parte deste concello este servizo na zona rural da cidade.