O BNG propón incluir proxectos de accesibilidade para apoiar a modificación de créditos que irá ao pleno
Ferrol, 11 de maio de 2021.- Iván Rivas, portavoz Municipal do BNG no concello de Ferrol, diante do bloqueo provocado polo PP para a aprobación dunha modificación de crédito no último pleno municipal e diante da parálise do PSOE para levala adiante, fai unha proposta ao goberno municipal de Angel Mato co obxectivo de que a modificación de crédito pendente de aprobación e que será debatida no pleno deste xoves sume os 13 votos e poida ser aprobada.
Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, indicou que a alternativa que plantexa o BNG consiste en retirar da proposta do goberno local a operación de intercambio financieiro (swap) e destinar esa cantidade, 550.000 €, a traballos de accesibilidade que sirvan para executar a 5ª fase de adecuación dos pasos peonís da cidade e de redacción da 6ª fase.
Iván Rivas considera que os compromisos financieiros asumidos por gobernos do pasado e de dubidoso interese para o concello non debe ser un prioridade para o goberno nestes momentos e que polo tanto este diñeiro debería destinarse a paliar moitas das deficiencias existentes na cidade como pode ser mellorar e garantir a accesibilidade a todos os veciños e veciñas.
Iván Rivas apremiou ao Alcalde da cidade a asumir esta proposta, que lle permitiría contar cos 13 votos necesarios para levala adiante e que dado a urxencia debería mobilizar ao goberno local para aprobala o antes posible. Para o BNG esta proposta ademais de reorientar a política do concello en favor dos veciños e das veciñas permitiría contratar aos socorristas para esta tempada de verán e a execución dos proxectos do POS na zona rural incluídos nesta proposta como o acondicionamento da parcela ao carón do cemiterio de Covas, o aglomerado do camiño da Regueira ou o camiño do Vinculeiro entre outros, así como a reurbanización de Pardo Baixo ou as retribucións ao persoal municipal.