O BNG inicia unha campaña coa proposta de convertir o Sánchez Aguilera nunha grande zona verde
Ferrol 9 de decembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol rexistrou esta mañá unha solicitude dirixida ao goberno municipal para poder realizar unha visita, o vindeiro sábado 17 de decembro, ao acuartelamento Sánchez Aguilera e explicar as persoas interesadas a proposta que a formación nacionalista defende para o futuro desta parcela.
Iván Rivas, portavoz do BNG, explicou que o BNG pretende dar a coñecer “in situ” a súa proposta para esta parcela que pasa por desvincular estes terreos do convenio con Defensa e así poder converter estas case 10 hectáreas hoxe abandonadas na maior zona verde urbana da cidade.
O BNG sinala que a parcela que ocupa o cuartel Sanchez Aguilera é un dos elementos fundamentais para definir o futuro urbano de Ferrol. Por este motivo é clave decidir cara onde queremos dirixirnos. Para o BNG este espazo localizado nun lugar estratéxico da cidade está chamado a transformarse no grande pulmón verde que conecte os barrios da Madalena, Canido, Santa Mariña e Catabois compatibilizando este fin con equipamentos dotacionais de tipo cultural ou mesmo unha nova residencia universitaria.
Iván Rivas, portavoz nacionalista no Concello de Ferrol, indicou que esta solicitude se enmarca na campaña que o BNG vai desenvolver para explicar a cidadanía cal é a súa proposta para este espazo da nosa cidade.
Iván Rivas quere destacar que non podemos edificar o Ferrol do futuro baixo premisas caducadas. As necesidades da cidade, hoxe, non son construír novas vivendas ou un grande contentor comercial senón promover un desenvolvemento urbano sustentábel: dotar de espazos verdes a un concello que carece deles, desenvolver unha decida política de rehabilitación das vivendas preexistentes e a recuperación urbana das rúas da cidade para potenciar o comercio local.