O BNG celebra que o alcalde se acolla á proposta do BNG para o saneamento do rural
Ferrol 14 de decembro de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, celebra que o Alcalde da cidade rectificase e desvinculara a execución do proxecto de saneamento para a zona rural de Ferrol da xestión de EMAFESA, e da aprobación das contas da empresa tal e como propuxo o BNG e demanda da Xunta de Galiza e do concello de Ferrol a formalización inmediata do convenio para o desenvolvemento deste proxecto e a súa tramitación plenaria.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, lembrou que esta proposta foi reiterada polo BNG en numerosas ocasións e mesmo no último pleno municipal no que se abordou este tema co obxecto de poder darlle unha solución a esta débeda histórica cos veciños e veciñas de Ferrol. Asi mesmo esta decisión evidencia os enganos aos que os gobernos municipais someteron á veciñanza de Ferrol facéndolles crer que a execución deste proxecto por parte de EMAFESA era a única alternativa existente e que ten como consecuencia que a día de hoxe estas obras están sen iniciar.
O BNG, por outra parte, lembra que desde o ano 2014 a empresa EMAFESA leva cobrando a taxa de depuración en virtude dun suposto acordo que implicaría a execución do saneamento da zona rural nun período de 6 anos que remataría no ano 2020. Pasado o ecuador do ano 2022 a empresa non ten destinado un só euro dos seus ingresos a este fin.
É por este motivo que Iván Rivas esixe que xunto coa necesidade de formalizar o convenio entre a Xunta e o concello de maneira inmediata, compre, que o goberno local inicie a reclamación a EMAFESA dos importes recadados para a execución do saneamento ao longo destes anos.
Para o BNG todas estas razóns son unha constatación máis da necesidade que temos os veciños e veciñas de Ferrol de que o concello xestione directamente todo o ciclo do auga.