RIVAS DENUNCIOU: "A DEGRADACIÓN CONTINÚA QUE PADECEN ESTAS EDIFICACIÓNS PRODUTO DO DESLEIXO E ABANDONO DO GOBERNO LOCAL"
O BNG de Ferrol denuncia o abandono continúo da casa de Carvalho Calero
Ferrol, 2 de febreiro de 2026. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG de Ferrol lamentou a caída no día de onte de parte do muro da casa natal de Carvalho Calero..Rivas denunciou a degradación continúa que padecen estas edificacións produto do desleixo e abandono do goberno local da cidade.
Rivas censurou a indiferenza e desidia do Alcalde da cidade respecto da rehabilitación deste espazo fundamental para o barrio e exixiulle que asuma a responsabilidades que lle corresponde polo acontecido no día de onte produto dun abandono continúo. Un abandono derivado da paralización por parte do PP dos trámites administrativos (a redacción do proxecto e a modificación do planeamento para poder desenvolver os traballos de rehabilitación) e da inexistente vontade política do PP, que se evidencia na inexistente dotación económica para poder acometer as obras.
O portavoz do BNG en Ferrol lembra que desde a súa chegada ao goberno da cidade e pese a posicionarse a favor no anterior mandato, o PP decidiu non tramitar a declaración de zona ZER que permitiría acometer a rehabilitación da casa de Carvalho Calero, coa escusa da inmediata aprobación dun Plan Especial para o barrio de Ferrol Vello que tras case tres anos de goberno continúa sen aprobarse nin tan sequera inicialmente.
A este feito súmase a decisión do goberno do PP de gardar nun caixón unha proposta de usos e de rehabilitación redactada pola Oficina de rehabilitación do concello de Ferrol e consensuada con colectivos culturais e asociacións da cidade preocupadas pola situación de abandono destas edificacións.
Ademais, o goberno do PP excluíu de todos os orzamentos municipais aprobados desde a súa chegada ao goberno da cidade a dotación económica necesaria para levar a diante estes traballos, pese a que o Sr. Rey asegurou reiteradamente a súa rehabilitación.
Por todas estas razóns, o portavoz municipal do BNG de Ferrol exixiu ao Alcalde desta cidade que asuma dunha vez a súa responsabilidade pola caída de onte de parte do muro e polo abandono ao que someteu durante todos estes anos a casa de Carvalho Calero e inicie de maneira urxente a tramitación dos traballos para a súa rehabilitación, antes de que non quede nada que recuperar.