O BNG advirte que non hai ningún compromiso concreto para proxecto de recuperación das baterías de costa
Ferrol 16 de xuño de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol cualificou esta mañá o anuncio feito por parte do alcalde da cidade, Angel Mato, e do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, dun suposto proxecto para recuperar as baterías militares na costa de Ferrol como un intento de ocultar as responsabilidades do Estado e sen ningún compromiso concreto para actuar sobre estas instalacións.
O BNG, así mesmo, exixiulle ao Alcalde da cidade que actúe e máis que falar demande do resto de administracións públicas o cumprimento das súas obrigas coa cidade.
Iván Rivas solicitoulle ao goberno local que se dirixa ao Ministerio de Defensa para que cumpra coas súas obrigas de mantemento e conservación das baterías existentes na costa antes de anunciar convenio que nin están en vigor, nin tampouco recollen compromisos concretos.
O BNG lémbralles que estas instalacións se atopan en estado de abandono porque o seu propietario, o goberno do Estado nunca fixo nada polo seu mantemento e para o que conta coa anuencia do goberno local que nunca lle exixiu que cumpra coas súas obrigas.
Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, reitera, unha vez máis, ao goberno municipal que abandone a política de apariencias e actos propagandísticos con respecto ao patrimonio da cidade. Que e se poña a traballar na recuperación definitiva dos bens patrimoniais sobre os que ten competencias directas e esixa o mesmo ás administracións públicas que teñan propiedades na nosa cidade en estado de abandono tal como acontece co Ministerio de Defensa.
O BNG lembra que en febreiro deste mesmo ano o Ministerio de Defensa respondeu a unha iniciativa do BNG no congreso afirmando que o Concello de Ferrol en ningún momento lle solicitou que conserve e manteña en bon estado as baterías militares da costa de Ferrol.
É pouco serio, que unha administración como o concello de Ferrol ou a Deputación da Coruña comparezan publicamente e afirmen que teñen que investigar quen é o propietario deses bens cando é publico que son propiedade do Ministerio de Defensa e que ao estar desafectados deberían estar a pagar o IBI nos correspondentes concellos cousa que tampouco fan nin se lles reclama.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, sostén que o goberno local o que debería facer é dirixirse ao Ministerio de Defensa para esixirlle responsabilidades e obrigalo a manter as súas instalacións en bo estado de conservación. Ademais, o alcalde da cidade, é coñecedor que se quere actuar no observatorio de Monteventoso ten que solicitar igualmente autorización a Defensa, posto que o convenio caducado que se empeña en manter co Ministerio de Defensa, non o autoriza para actuar sobre estes bens sen a autorización de Madrid.