O BNG propón a peonalización da Madalena en 2023 para evitar unha nova taxa á circulación.
Ferrol 17 de xuño de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón que o Plan de Mobilidade (PMUS) que se pretende aprobar no vindeiro pleno municipal contemple adiantar ao ano 2023 a peonalización integral do barrio da Madalena co obxectivo de recuperar as rúas par a xente e aproveitar esta medida para dotar a cidade dunha zona de baixas emisións coa que evitar ter que estabelecer unha nova taxa á circulación na cidade.
Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, insta ao goberno local a reconsiderar a súa postura e apostar pola recuperación das rúas par a xente fronte a política de imposición de sancións e tributos. Pídelle o goberno municipal que modifique as súas previsións sobre a peonalización do barrio da Madalena, que a efectivice no 2023 no canto de postergar a súa aplicación até dentro de seis anos tal e como defende o borrador do PMUS.
Iván Rivas sinala que as propostas presentadas polo BNG ao PMUS apostan por Incrementar os servizos e frecuencias do transporte público co obxecto de fomentar o seu uso, reducir os aparcadoiros en superficie existentes recuperando ese espazo para a xente coa xeración de novas zonas verdes e espazo público como a parcela do Sánchez Aguilera, ou promover aparcadoiros soterrados para absorver a demanda residencial e os aparcadoiros disuasorios conectados coa rede de transporte público para disuadir do uso do vehículo privado.
O BNG lembra que a Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética impón aos concellos de máis de 50.000 habitantes a obriga da redacción dun PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel) con medidas que reduzan as emisións de gases derivados da mobilidade. Entre esas medidas ten que estar, como mínimo, o estabelecemento de Zonas de Baixas Emisións antes de 2023.
Ademais, o 19 de Novembro de 2021 publicáronse, as Directrices para a creación de zonas de baixas emisións determinando dúas alternativas: Prohibir entrar e circular aos vehículos sen distintivo ambiental CERO, ECO e C. ou estabelecer unha Peaxe urbana, cobrar por entrar, circular e estacionar en certas zonas das cidades.
Iván Rivas lembra que na NOSA cidade a superficie destinada aos vehículos ocupa un 68% do espazo total dispoñible nas rúas, e tan só o 32% ao tránsito peonil, segundo os datos do Plan MOB, tamén que o camiño cara a recuperar as rúas para as persoas é un percurso inexorable que cidades como Pontevedra levan anos recorrendo e que Ferrol é incapaz de iniciar.
O BNG considera que fronte a un modelo baseado na penalización, o de pagar por acceder a determinadas zonas ou pagar por adquirir un vehículo eco, existe o modelo de promover a redución dos tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade, que trae consigo outras vantaxes como a ampliación do espazo público para as persoas, a redución da sinistralidade e mesmo que facilita a autonomía dos menores.