O BNG advirte do engano dos anuncios de Mato sobre a vivenda no Sánchez Aguilera

Iván Rivas
Iván Rivas
Iván Rivas, sinalou que na actualidade non existe ningún programa dentro do Plan estatal de vivenda 2022-2025 vixente ( e fora tampouco) destinado a financiar a construción de vivenda nova de protección. Todos os programas que existen na actualidade e desde o Plan Estatal de vivenda de 2013-2016 destinan os seus fondos á rehabilitación e mellora enerxética das edificacións.
O BNG advirte do engano dos anuncios de Mato sobre a vivenda no Sánchez Aguilera

Ferrol 20 de abril de 2023. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, considera que as declaracións do alcalde de Ferrol, Angel Mato, referentes a destinar á vivenda pública o solo do Sánchez Aguilera obedecen a un descoñecemento da situación actual do Sánchez Aguilera ou un engano á veciñanza.

 

Iván Rivas, sinalou que na actualidade non existe ningún programa dentro do Plan estatal de vivenda 2022-2025 vixente ( e fora tampouco) destinado a financiar a construción de vivenda nova de protección. Todos os programas que existen na actualidade e desde o Plan Estatal de vivenda de 2013-2016 destinan os seus fondos á rehabilitación e mellora enerxética das edificacións.

 

Asi mesmo Rivas lembra que na actualidade os terreos destinados á construción de 460 vivendas no Sánchez Aguilera son propiedade do Mº de Defensa, e por tanto o concello non pode tomar a iniciativa de construír esas vivendas a non ser que lle merque os terreos a Defensa, algo surrealista, se temos en conta que o concello de Ferrol renunciou na aprobación recente do Plan de Equidistribución ao 10% do aproveitamento do solo destinado a vivenda sometida a algún réxime de protección nese espazo da cidade.

 

Ademais acabamos de asistir ao pago en metálico por parte do concello de 0,5M de euros en metálico e ao pago en especie de 460 vivendas e un centro comercial de 24.000m2 ao Mº de Defensa por parte do concello a cambio de asinar o convenio. Pensar que agora o Mº de Defensa vai a renunciar a todo ou a parte deses abonos é como mínimo inxenuo.

 

Rivas destaca que o espazo destinado á construción de vivenda no Sánchez Aguilera ten unha parte substancial como destino a construción de vivenda libre, en concreto 16.950 m2, non de protección e polo tanto sen regulación de prezo, polo que a posibilidade da que fala o Alcalde é unha fantasía.

 

O BNG tamén sinala que a día de hoxe existe solo sen construír destinado a vivenda de protección no concello de Ferrol que agarda da iniciativa pública para o seu desenvolvemento e que se localiza fundamentalmente no barrio do Bertón.

 

É por isto que o BNG considera que na actualidade e nunha cidade onde o 27,8% da vivenda está en situación de infrautilización ( inclúe non as vivendas baleiras, senón as que teñen un uso secundario por parte dos propietarios e propietarias) a política de vivenda máis razoable, eficiente e sostible consistirá na rehabilitación e mobilización deste parque residencial cara ao mercado de aluguer, priorizando os segmentos de aluguer protexido e social, non a construción de novas promocións. Sobre todo porque para o que si existe financiación e axudas públicas, incluído o vixente Plan estatal de vivenda 2022- 2025, é para rehabilitación non para nova construción.

O BNG advirte do engano dos anuncios de Mato sobre a vivenda no Sánchez Aguilera