O BNG acada un acordo unánime para que a Área sanitaria de Ferrol conte cun servizo de fisioterapia cos medios necesarios e mellorar o rateo de profesionais
Santiago de Compostela, 5 de abril , 2023. A través dunha proposición non de lei, a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado reclamou dotar dos medios necesarios o servizo de fisioterapia da Área sanitaria de Ferrol ante as deficiencias detectadas pola falta de profesionais neste ámbito.
A proposta do BNG, defendida pola deputada Montse Prado, acadou o apoio unánime da comisión de sanidade do Parlamento galego. A nacionalista anunciou que o BNG permanecerá “vixiante” a que se cumpra o acordo porque “os doentes non poden seguir agardando en longas listas de espera ou abocados á na sanidade privada”.
Na defensa da proposta, Prado recalcou que a falta de profesionais é unha realidade “innegable” en moitas áreas sanitarias galegas pero esta insuficiencia resulta “especialmente preocupante” na Atención Primaria na Área Sanitaria de Ferrol. A deputada lembrou que só 16 profesionais atenden 174.398 tarxetas sanitarias activas, é dicir, un rateo de 0,091 fisioterapeutas por 1.000 tarxetas, cifra “por debaixo da media do SERGAS, do 0,1 e moi lonxe da recomendación da OMS que estima 1 fisioterapeuta por 1.000 habitantes”
Á infradotación deste servizo, engadiu a deputada, soporta outras dificultades, como “a inexistencia da Carteira de servizos de Fisioterapia, e que a área sanitaria de Ferrol non facilite a derivación directa desde o MAP para consultas neste ámbito”.
Por outra parte, criticou que na área sanitaria de Ferrol, a fisioterapia funcione case exclusivamente como un servizo de carácter hospitalario, e que as listas de espera en Atención primaria se demoren tanto que expulsan ás persoas doentes ás clínicas privadas. Nesta liña, lembrou que o centro Fontenla Maristany que atende Ferrol, Cedeira e San Sadurniño, ten unha lista unha de espera de máis de 600 doentes, en Fene, 500 persoas continúan agardando e nas localidades de Cedeira e San Sadurniño tampouco contan con este servizo.
Para a deputada, a Fisioterapia na sanidade pública debe ser considerada unha ferramenta principal na Atención Primaria para mellorar a atención sanitaria e favorecer a redución do gasto farmacolóxico, probas complementarias, interconsultas con especialistas, cirurxías, tempos de hospitalización ou transportes, ademais de influír positivamente nas situacións de cronicidade e dependencia, atendendo á evolución demográfica da sociedade galega, cada vez máis envellecida.
O BNG exixe que se cumpran todas as medidas recollidas no acordo
Tras a intervención da portavoz popular, Encarnación Amigo que anunciou o voto favorable á proposta do BNG, e anunciou novas incorporacións de fisioterapeutas nos centros de saúde da área sanitaria de Ferrol, a nacionalista reiterou que o BNG permanecerá “vixiante” para o cumprimento do acordo que inclúe a carteira de fisioterapia en Atención primaria e que debe “ser unha realidade”. Este acordo, recalcou, “non pode quedar nunha declaración de intencións do Partido popular” e debe poñer en marcha as medidas recollidas no acordo e votadas por unanimidade.
O que hoxe votamos en sede parlamentar, dixo, “non pode quedar en papel mollado” e en frase como, está previsto ou se vai facer. Dende o BNG esiximos “concreción” e sobre todo que se “habilite a carteira de servizos” porque os fisioterapeutas contan coa cualificación e capacitación necesaria para actuar “ de maneira autónoma” en procesos neuro-músculo-esqueléticos.
Para que este acordo sexa unha realidade, reiterou a nacionalista, só é necesaria “vontade política” porque, “os traballos no Consello Técnico para habilitar a Carteira de servizos” continúan o seu proceso despois de seren iniciados no ano 2019.
“Póñanse as pilas” e melloren os rateos para mellorar a atención sanitaria da poboación de Ferrol cara un servizo de acceso directo a fisioterapia “efectivo, eficiente e eficaz”, concluíu.