O BNG advirte da irresponsabilidade do goberno local por non executar o orzamento.
Ferrol 21 de marzo de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, considera moi preocupante a dinámica adoptada de contracción do gasto público por parte do goberno local á vista da liquidación orzamentaria do ano 2021 da que mañá se dará conta en comisión.
Iván Rivas cualificou de absolutamente irresponsábel a política económica do goberno local e considera que o Alcalde desta cidade non só no fai nada para paliar a situación actual senón que vai no senso contrario aos intereses dos veciños e veciñas.
Para o portavoz municipal do BNG a política económica do goberno de Mato resúmese en aforrar cartos para pagar aos bancos e ás empresas, moitas delas sen contrato mentres a cidade acumula problemas por todos os lados.
Unha circunstancia moi explicativa da política económica do goberno local é que o concello de Ferrol aforrou 9,85 millóns de euros durante o ano 2021 e ten un superavit, máis ingresos que gastos de 3,68 millóns de euros. Como é posíbel que nunha cidade como Ferrol teñamos case que 4 millóns de euros máis de ingresos que de gastos e aforremos case que 10 millóns de euros cando hai tantas necesidades sen cubrir.
A liquidación do orzamento sinala que o nivel de execución do orzamento é moi preocupante dado que non chega ao 60% (58,,20%) pero a execución dos investimentos é ridícula, cun 13,62% que amosa o incumprimento dos acordos adoptados para a aprobación dos orzamentos co BNG.
Esta actitude do goberno está a comprometer tamén moitas actividades e traballos desenvolvidos polas diferentes asociacións e colectivos que existen na cidade así como ás axudas e subvencións que os veciños e veciñas da cidade deberían recibir por parte do concello xa que o nivel de execución das transferencias de capital é de tan só 2,77%
Outro dos aspectos máis salientábeis desta liquidación é cara onde orienta os seus esforzos económicos o goberno local, e así, mentres a Autoridade portuaria deixa de pagarlle ao concello 0.74 millóns de euros e Emafesa 0,82 millóns de euros, o goberno local cobra 2,4 millóns en multas de tráfico que saca do peto dos veciños e veciñas da cidade.
Onde tamén se esforzan desde o goberno local é en pagarlle aos bancos e en contraste con estes baixísimos porcentaxes de execución o goberno local do PSOE ten amortizado xa o 80% da débeda prevista para o ano 2021.
Para o BNG deixar pasar o período transitorio de suspensión do límite de gasto é dunha irresponsabilidade económica absoluta.
É fundamental aproveitar este período transitorio e destinar todos os fondos e recursos posibles a desenvolver proxectos de gasto público de maneira urxente, recorrendo a préstamos se fose necesario que teñan como destino xerar emprego, desenvolver axudas sociais e investimentos públicos na cidade.
Convén sinalar ademais que unha das máis graves anomalías que ten este concello na xestión de servizos públicos é a ausencia de contratos. Esta situación que debería ser excepcional, converteuse na norma e supón que os importes que o concello está abonar por servizos sen contrato superan os 10,5 millóns de euros, unha cifra inxustificábel que no canto de reducirse incrementase ano tras ano.