O BNG e entidades veciñais retomarán as accións para pedir a volta a normalidade dos servizos municipais
Ferrol 22 de marzo de 2022. Representantes veciñais de Ferrol xunto ao BNG mantiveron un encontro de traballo no Centro Cívico de Canido co obxecto de darlle continuidade as accións iniciadas o pasado mes para recuperar o libre aceso da cidadanía ao pazo municipal de Ferrol e a apertura ao público de todas as dependencias municipais que a día de hoxe se atopan pechadas.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lamentou a pasividade do goberno local diante das reivindicacións feitas por un importante número de colectivos da cidade de cara a que as dependencias municipais retomen o seu normal funcionamento. Así mesmo censurou o silencio e a falta de receptividade do goberno local as propostas formuladas por estes colectivos da cidade de cara a mellorar a atención presencial dos servizos municipais.
Como se lembrará o pasado 16 de febreiro presentouse no rexistro municipal un documento asinado polo BNG e as entidades: A.VV. A Magdalena, A.V.V., Covas, A.V. Canido, A.V.V. “Castelao” de Brión, A.V.V. “Rosalía” A Graña, A.V.V. Ultramar, Agrupación de A.V.V. da Zona Rural; A.V.V. San San-Bertón ; A.V.V Ferrol Vello A.V.V. Recimil, A.V.V. Santa Mariña, A.V.V “O Cruceiro” Santa Icia, A.V.V San Pablo-Catabois, Dignidad e Asoc. Xeración; que recollía 5 medidas concretas en relación coa mellora da accesibilidade dos veciños e veciñas de Ferrol nas súas relacións coa administración local.
Iván Rivas, indicou que transcorrido un tempo prudencial e á vista de que o goberno local permanece inmóbil tócanos buscar novas medidas para tentar reverter esta situación. Cómpre restaurar os dereitos dos veciños e veciñas desta cidade non só para realizar calquera tipo de solicitude ou trámite administrativo senón tamén para poder dirixirse e facer calquera tipo de suxerencia ou aporte aos responsábeis políticos municipais, cuestión, esta última, que parece querer evitar o goberno de Angel Mato.