O BNG acusa a Mato de paralizar investimentos necesarios para a cidade
Ferrol 18 de abril de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol responsabiliza ao alcalde da cidade, Angel mato, de non cumprir os acordos alcanzados co BNG para aprobar os orzamentos municipais do ano 2021 e sinala que o seu grado de execución é do 0%.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, salientou que pese aos intentos do BNG por desenvolver estas iniciativas a decisión de Angel Mato de paralizar a execución destas iniciativas supón regresar á política de contención do gasto público que imperaba no concello de Ferrol desde o ano 2012 co mandato de Rey Varela, continuar coa política de privatizacións e desmantelamento da administración pública e seguir saneando as contas das entidades bancarias mediante o pago da débeda.
Iván Rivas destaca que coas aportacións do BNG debíase iniciar o camiño para a municipalización dos servizos públicos coa creación do servizo municipal de rozas e limpeza de vías da zona rural , o camiño da fiscalización das grandes empresas mediante a reclamación a Urbaser dos máis de 300.000€ que lle debe aos veciños e veciñas desta cidade e o desenvolvemento de obras públicas como a recuperación da casa de Carvalho Calero, a rehabilitación do Mercado de Recimil, a dotación á cidade dun parque infantil cuberto, a recuperación do parque do Montón e outras pequenas obras de mellora en viais da cidade.
Iván Rivas cualificou de irresponsábel a política económica do goberno local tal e como se reflicte nos informes de execución dos orzamentos, onde o nivel de execución dos investimentos é do 13,62%, polo que e empraza ao goberno local a modificar o seu proceder desenvolvendo os orzamentos municipais e executando os proxectos comprometidos.
Para o BNG resulta curioso que o goberno local de Angel Mato avance publicamente que está a traballar na elaboración dos orzamentos municipais para o ano 2022 e non faga un exercicio de reflexión a respecto do grado de cumprimento dos proxectos incluídos nos orzamentos do 2021, que anuncie que desbota a recuperación da Casa de Carvalho Calero e que non se pronuncie sobre outros como a rehabilitación do Mercado de Recimil.