O BNG propón mudar de estratexia para que Ferrol deixe de perder poboación
Ferrol 19 de abril de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol lamenta a actitude despreocupada do goberno local de Ferrol diante da continua perda de poboación que experimenta a nosa cidade, un goberno local que só ofrece escusas e xustificacións no canto de mudar as políticas que nos teñen levado até aquí.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, propón que Ferrol mude o rumbo das políticas desenvolvidas até o de agora xa que é preciso desenvolver novas medidas que permitan facer á cidade atractiva e posibilitar que fixe e aumente a poboación. Lembra, ademais, que Ferrol ven experimentando unha perda de poboación, continua e constante, que se viu agravada desde o ano 2012 sen que ningún dos gobernos locais fixese nada por tentar reverter esta situación.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, afirma que precisamos actuar coa suficiente determinación para que Ferrol teña unha transformación substancial e que debe ser unha prioridade facilitarlle á xente de fóra que se asente na cidade. Exclusivamente con ferroláns é imposible que poidamos encarar a recuperación demográfica dunha cidade que leva tanto tempo nun proceso de perda constante de poboación.
O BNG salienta que desde o ano 2012 Ferrol leva perdendo entre 500 e 1000 habitantes por ano mentres os diferentes gobernos municipais se empeñan en persistir nos mesmos erros e en aplicar as mesmas políticas que nos trouxeron até aquí. O goberno municipal en vez de centrar os seus esforzos en presentar alegacións aos datos do INE debería actuar e desenvolver iniciativas que lle dean a volta á situación actual de perda pobocional.
Iván Rivas, voceiro do BNG en Ferrol, considera que nun contexto como o actual é preciso acometer medidas concretas como a mellora do transporte público na cidade tanto por estrada, coa creación dunha empresa municipal de transporte, como por ferrocarril. Así mesmo facilitar o acceso á vivenda, nunha cidade que conta cuns dos índices máis altos de demandantes de aceso á vivenda pública de Galiza, débese aproveitar a potencialidade coa que conta Ferrol ao dispor un parque de 1.000 vivendas públicas que nos permitirían resolver a demanda do acceso á vivenda.
Ferrol, ademais, debería traballar pola apertura dos estaleiros da ría á construción naval civil abandonando o confinamento dos estaleiros da ría ao gueto da construción naval militar, poñerlle solución a falla de ingresos do concello esixindo o pago de tributos municipais ao Ministerio de Defensa, a Autoridade Portuaria ou Navantia e asumir que a xestión dos servizos esenciais debe ser pública, co que xerar emprego será máis económico e ademais nos permitirá contar con recursos para investir nos veciños e veciñas.