Solicitada a comparecencia urxente de Ana Pastor pola eliminación dos servizos ferroviarios
Madrid, 16 Maio 2013. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia urxente da Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que acuda á Cámara a dar explicacións sobre o Informe encargado á unha consultora sobre os recortes no mapa ferroviario do Estado, en concreto o que afecta a Galiza.
Rosana Pérez, quen desde que se aprobou o Plan de Racionalización do transporte ferroviario nun Consello de Ministros do pasado mes de decembro, presentou múltiples iniciativas parlamentares, afirma que se cumpren os piores augurios que tiñamos para o noso pais porque constatamos a vontade do Goberno do PP de rematar cos servizos ferroviarios na Galiza, e co ferrocarril en xeral no Estado.
Para a parlamentar do BNG alude ao Informe realizado pola consultora Ineco, que leva a Fomento a propór a supresión de 48 liñas ferroviarias de media distanza que actualmente utilizan 1,65 millóns de pasaxeiros no Estado. A idea é a de reducir a oferta do conxunto nun 32% para aforrar 86,5 millóns.
O mapa ferroviario galego desaparece
No que atinxe a Galiza, o mapa de recortes contempla a eliminación de liñas como o Vigo-Ourense-Ponferrada, A Coruña-Ferrol, o Vigo-Ourense. A Coruña-Lugo-Monforte, e Ourense-Puebla de Sanabria. É dicer, conclúe Rosana Pérez, é a constatación da case eliminación do mapa ferroviario galego que afecta ás comunicacións de proximidades ou de media distanza como di Renfe. E nese sentido, advirte que o Plan da Ministra Ana Pastor significa ademáis que Galiza se pode esquecer dun tren de cercanías como teñen outras CC.AA con menor poboación.
Sen obviar, puntualiza, que deixa sen comunicación ferroviaria a moitas poboacións galegas en aras a incentivar só o transporte do vehículo privado ou transporte por estrada. O Goberno do PP golpea duramente a un medio de transporte moderno, limpo, menos contaminante, implantando o modelo de Thatcher dos anos 80 no Reino Unido. Elimina o ferrocarril e o privatiza.
Dada a gravedade e a trascendencia deste Plan, a deputada do BNG considera que Ana Pastor ten que acudir canto antes, e non nos valen comparecencias substituidas por Secretarios ou Secretarias de Estado como sucedeu a última vez. É a Ministra responsábel desta futura desfeita a que debe dar conta dun plan verdadeiramente preocupante.