O Pleno debatirá as demandas do cadro de persoal do CAMF
Ferrol, 26 Maio 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción ao Pleno ordinario para demandar ao Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais, a mellora das condicións laborais do personal do CAMF de Ferrol.
En concreto, o grupo municipal do BNG pide que a corporación municipal se dirixa ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para esixir que o persoal do CAMF-IMSERSO, dependente deste Ministerio, sexa declarado sector prioritario a fin de posibilitar a imediata cobertura das vacantes.
Explica o BNG na súa iniciativa que a plantilla do CAMF de Ferrol leva tempo con mobilizacións polos problemas no desenvolvemento normal dos seus traballos. A Administración está a impór unha serie de recortes e horarios de traballo que prexudican aos traballadores, rebaixando as súas condicións laborais, e incluso, poñendo en risco a calidade de atención prestada aos usuarios do centro.
Asi mesmo o Ministerio négase a cubrir as vacantes, e aumenta continuamente o número de días de presenza no centro e as fins de semana traballados. Incluso se lles denega, sistemáticamente, os días vacacións ou de formación solicitados.
Por estas razóns, o BNG esixe que o Alcalde da cidade xestione un encontro entre os Ministerios afectados e os representantes do traballadores para abordar o deterioro das condicións laborais destes.
O BNG critica os recortes en políticas sociais por parte do Goberno, e a supresión práctica da Lei de Dependencia que deixa no desamparo a moitas persoas con discapacidade.