Ferrol debatirá en pleno o apoio a folga xeral do 12 de xuño
Ferrol 28 de maio de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción ao Pleno ordinario para demandar o apoio á mobilización e á folga xeral convocada na nosa comarca para o vindeiro 12 de xuño e debido a gravidade da situación socio-económica na nosa cidade compre forzar ao Partido Popular e debatir sobre esta situación e o fracaso das súas iniciativas políticas.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, destaca que a situación no noso concello e na comarca faise cada día máis insoportábel e a folga xeral é unha consecuencia inevitábel fronte a unha situación insostíbel. A nosa cidade está a sufrir os efectos dun proceso de concentración do poder económico, produtivo e político que deriva na desertización de territorios como o noso e cuxas consecuencias directas son un acusado declive poboacional e unha taxa de paro do 32% nunha cidade na que só traballa 1/3 da poboación. Caldo de cultivo en definitiva para a emigración dunha mocidade preparada pero falta de expectativas e para o incremento da pobreza e a exclusión social.
O BNG salienta na súa iniciativa que as nosas capacidades baten con decisións políticas que, como no caso do naval, levan ao progresivo desmantelamento dun sector estratéxico da nosa economía. O estaleiro de Fene permanece practicamente pechado polo inxusto veto á construción naval civil e Navantia Ferrol, limitada tamén por estes acordos políticos, perdeu máis de 2000 empregos no último ano, ao tempo que estaleiros europeos estan a aumentar a súa cuota de mercado.
O desemprego, o peche de empresas, a redución de salarios, o aumento dos impostos e a apropiación dos nosos aforros para concentrar todavía máis o poder económico. As chamadas medidas de austeridade para reducir o déficit na práctica acaban traducíndose nun aumento do défict e da débeda, porque ese exceso de austeridade estrangula o consumo interno, cae en picado a produción e o emprego, de xeito que cae tamén a recadación pública.
O BNG considera que se precisan alternativas e a primeira e fundamental pasa por termos a capacidade para tomar decisións soberanas sobre a nosa economía e os nosos sectores produtivos para salvagardar os nosos intereses colectivos e garantir a capacidade de crear emprego e riqueza para as xeracións actuais e futuras.Rescatar para nós a soberanía para recuperar unha senda de progreso e preservar a democracia.
É por iso que para o BNG a Folga Xeral do próximo 12 de xuño debe ser un paso adiante da comarca de cara a crear un movemento social que free as decisións e as políticas que nos negan o futuro. Cómpren cambios que nos permitan decidir, producir e traballar na nosa terra. De todas e todos nós depende.