GALIZA NON PODE PERDER O TREN

GALIZA NON PODE PERDER O TREN

 

Santiago de Compostela, 24 de maio, 2013. As deputadas do BNG, Ana Pontón e Rosana denunciaron hoxe, ante os medios de comunicación, “a complicidade do Goberno central e a Xunta” para desmantelar e privatizar os servizos ferroviarios en Galiza.

A deputada no Parlamento galego, Ana Pontón explicou que Galiza padeceu uns deseños que imposibilitaron a modernización  do ferrocarril e hoxe lonxe de “suplir esa discriminación”, o Goberno do Estado quer asestar “un duro golpe” aos dereitos dos galegos e galegas negando  servizos ferroviarios de calidade.

 As nacionalistas denunciaron que o vindeiro 30 de xuño será aplicado o plan de Racionalización do ferrocarril e o 30 de setembro, RENFE asumirá os servizos, tras a eliminación dos de media distancia.

Xunta e Goberno central cómplices no desmantelamento do tren galego

Para  a deputada Ana Pontón, as directrices dos goberno do PP en Madrid e Galiza supoñen o “certificado de defunción” do ferrocarril galego e reclamou iniciar dende o executivo galego a negociación das transferencias  ao fin de mellorar as prestacións deste servizo e desenvolver as competencias recoñecidas nesta materia.

Pontón salientou que Galiza precisa duns deseños que fortalezan a comunicación pola vía interior para conectar as vilas galegas cun ferrocarril modernizado polo que rexeitou a intención do Partido popular de “eliminar liñas” que funcionan.

Neste  sentido, aludiu a un informe do Ministerio de Fomento para suprimir “a maior parte das liñas de media distancia e mesmo en liñas con gran frecuencia de usuarios/as” como a do Eixo Atlántico entre Vigo e Pontevedra.

A supresión de liñas de proximidade marxinarán as vilas galegas

A nacionalista asegurou de consumarse este recorte, “moitas vilas galegas serán marxinadas” e para nós, dixo, é fundamental que se manteñan as liñas e se modernicen os servizos para incrementar o seu uso.

Finalmente, a parlamentaria denunciou a “a falta de investimento do Estado no ferrocarril galego” e a “submisión” da Xunta e do goberno central aos intereses do Partido popular.

 “O goberno galego mentiu cando dixo querer asumir os servizos de proximidade e  crear unha compañía ferroviaria galega” concluíu.

As ambiguas manifestacións de Ana Pastor

Pola súa parte, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez incidiu na “ambigüidade” das afirmacións da Ministra de Fomento, Ana Pastor que  por unha banda, nega a eliminación destes servizos e por outra defende todo o contrario na práctica.

“O traballo realizado por  Fomento centrouse na eliminación dos servizos ferroviarios e non na súa mellora”, dixo e o BNG dende anos leva denunciando no Congreso dos deputados esta situación que aboca a Galiza a máis marxinación.

Rosana Pérez explicou que o Plan de racionalización do Ferrocarril non contempla a realidade dos territorios nin as súas deficiencias de comunicación e baixo a etiqueta Obrigación de Servizo Público (OSP) establece os trens e servizos que seguirán circulando.

 Segundo o plan, engadiu, os criterios de ocupación de usuari@s serán revisados cada dous anos o que ao seu xuízo, “produce unha grande incerteza” na continuidade dos mesmos.

O goberno propón que as CCAA asuman as liñas deficitarias

A deputada indicou que o Plan de racionalización tamén prevía un consenso coas CCAA e organización sindicais do sector, cuestión dixo, que nunca se produciu.

Sen embargo, o devandito plan  contempla que todos aqueles servizos que resulten deficitarios poderán ser asumidos polas comunidades autónomas, cuestión que foi criticada pola parlamentaria no Congreso ao considerar que as CCAA están “asfixiadas” pola marxe do “déficit” imposto polo Goberno central  que impide  a asunción deste servizos.

Rosa Pérez concluíu afirmando que se o goberno non rectifica serán desmantelados os servizos: Ourense-Pobra de Sanabria, Ourense-Monforte-Ponferrada, Ferrol- A Coruña, A Coruña-Lugo-Monforte  e Vigo-Ourense.

GALIZA NON PODE PERDER O TREN