O BNG pide declarar a casa de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER)

Iván Rivas e María López diante da casa de Carvalho Calero
Iván Rivas instou a Xunta e ao goberno local a tramitar de xeito imediato declaración da casa natal de Carvalho Calero e as parcelas afectadas por este proxecto como zona zona de especial necesidade de rehabilitación (ZER). 
O BNG pide declarar a casa de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER)

Ferrol 9 de marzo de 2022. Iván Rivas, portavoz do BNG no concello de Ferrol instou esta mañá ao goberno local de Angel Mato e a Xunta de Galiza a declarar as parcelas que forman parte do proxecto de recuperación da casa natal de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER), o que permitiría desenvolver este proxecto á marxe da anulación do Pepri de Ferrol Vello.

 

Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, lamentou a actitude do goberno municipal. Lembrou que hai dous días estivo en Ferrol a Conselleira de Vivenda e resulta significativo que por parte do goberno local non se lle instase a dar unha solución aos problemas que xera a anulación do plan especial de Ferrol Vello. Alguén terá que asumir algunha responsabilidade por esta sentenza que anula este plan e polas consecuencias que leva aparellado. Para Iván Rivas non chega con asumir a sentenza e iniciar un novo proceso, a Xunta e o Concello deben paliar a situación tanto de perda de fondos como da imposibilidade de desenvolver proxectos como a rehabilitación da casa de Carvalho Calero.

 

Iván Rivas, portavoz nacionalista no Concello de Ferrol, reiterou que o goberno local debe buscar alternativas para acometer este proxecto de rehabilitación. A tramitación dunha modificación puntual do Plan Xeral específico para estas parcelas é unha delas pero na comisión desta mañá o goberno local considera que esta alternativa non é viábel e aposta pola redacción dun novo Plan Especial o que imposibilitaría desenvolver este proxecto nun espazo temporal reducido.

 

É por isto que o BNG considera que hai que declarar estas parcelas como zona ZER, unha medida recollida na Lei que regula as areas Rexurbe. Unha declaración que na actualidade ostenta o barrio de Ferrol Vello desde o pasado 27 de xaneiro.

 

Iván Rivas instou a Xunta e ao goberno local a tramitar de xeito imediato declaración da casa natal de Carvalho Calero e as parcelas afectadas por este proxecto como zona zona de especial necesidade de rehabilitación (ZER). Estas zonas se vinculan a edificios ou conxuntos de edificios específicos para desenvolver intervencións de carácter urxente debido ao seu avanzado estado de deterioro e poden promoverse tanto por parte do concello como por parte do IGVS que é quen declara esa zona como ZER.

 

Segundo o BNG o goberno local simplemente debe aportar as parcelas, aportar a solución técnica xunto a unha valoración económica, é dicir, presentar o proxecto que o concello xa debía ter elaborado a dia de hoxe. Ademais implicaría que se este proxecto se trata dunha actuación publica de carácter dotacional e se ademais se xustifica a súa interese publica leva aparellado que o proxecto se pode executar á marxe do planeamento actual, é dicir, á marxe do plan xeral e non seria preciso modificar o PXOM para desenvolvelo.

 

O BNG resalta que único que se precisa é que a Xunta ou o concello decidan impulsar esta solicitude e declarar como zona ZER a casa de Carvalho Calero, que aporte o proxecto xunto a solicituide que se proceda a súa declaración.

 

Iván Rivas esixiu tanto ao concello como a Xunta a dar unha solución inmediata ao problema que se acaba de xerar. Esixiu, así mesmo, ao alcalde da cidade que desenvolva este proxecto comprometido nos orzamentos municipais, demandado por un número importante de asociacións desta cidade e unha actuación pola que Ferrol leva décadas agardando.

O BNG pide declarar a casa de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER)