O NOSO CORPO, A NOSA DECISIÓN. ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. Concentración en Ferrol

O NOSO CORPO, A NOSA DECISIÓN. ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. Concentración en Ferrol

Ferrol 25 de maio de 2013. O vindeiro luns 27 as 20:30 horas na praza de Armas de Ferrol está convocado un acto enmarcado na campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a desenvolver e que, baixo o lema "O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto", quere transmitirlle á cidadanía a necesidade de defender o dereito que historicamente as mulleres conquistaron e a exixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas. A proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos. Existe tamén un forte compoñente económico neste debate, pois paira sobre todo el a idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga reacer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento da Lei de dependencia, as escolas infantís e os servizos públicos.

O pasado 15 de maio o Parlamento galego debateu unha proposición do BNG contraria á modificación da actual Lei 2/2003, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, unha lei mnoi mellorábel, sobre a que non se pode dar ningún paso atrás. Igualmente, o BNG presentará nos concellos mocións para instar á Xunta de Galiza a que solicite que non se modifique de xeito involutivo a lexislación actual e que garanta que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.

É por iso que cómpre tamén a mobilización na rúa, de maneira moi especial nas próximas semanas, para facermos fronte a unha planificación que quere que retrocedamos décadas no tempo. Por todo isto, o BNG fai un chamamento para saírmos á rúa, homes e mulleres, convencid@s da necesidade de nos rebelarmos contra as decisións que nos queren impoñer contra a nosa vontade.

Nas próximas semanas o BNG estará presente en todas as mobilizacións que realice o movemento feminista para parar esta nova agresión contra os dereitos das mulleres. De maneira moi especial acompañaremos a mobilización nacional prevista para o próximo 16 de xuño.

O NOSO CORPO, A NOSA DECISIÓN. ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. Concentración en Ferrol