MON FERNÁNDEZ TENDE A MAN "A TODAS AS PERSOAS QUE APOSTEN POR UN FERROL VIZOSO, VIBRANTE, INCLUSIVO E ORGULLOSO, E POR UN CONCELLO CENTRADO EN PROPORCIONAR SERVIZOS DE ESPAZOS DE CONFORT PARA A VECIÑANZA”
Món Fernández será o candidato do BNG á alcaldía de ferrol
Ferrol 5 de xuño de 2026. Ramón Fernández Alfonzo, “Món”, será o candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía de Ferrol nas vindeiras eleccións municipais tal e como ven de aprobar, por unanimidade, a asemblea local da nosa formación.
Esta decisión pon fin a un proceso que o BNG considera un exemplo de democracia no que o conxunto da militancia tivo a posibilidade de formular propostas e participar desta decisión colectiva.
A proposta de Món Fernández foi presentada co aval, tamén unánime, do Consello Local do BNG, o que salienta o acordo e a convicción da nosa organización ao respecto de ser Món o compañeiro que mellor pode representar o proxecto ilusionante do BNG nesta nova andadura na que nos fixamos como obxectivo liderar o futuro que se ten que abrir en Ferrol a partir de maio do 2027.
Mon Fernández ten 51 anos, medrou no barrio da Madalena onde segue residindo na actualidade. É licenciado en Dereito. A súa actividade laboral estivo ligada a mellorar as condicións laborais das persoas a través da súa labor sindical na CIG.
Desde o ano 2020 é Deputado no Parlamento de Galiza, onde destaca como referencia clara e portavoz da nosa cidade, a maioría das veces, suplindo a falta de iniciativa e de interese do Concello de Ferrol presidido polo alcalde José Manuel Rey Varela.
Entre estas iniciativas tiveron especial protagonismo as moitas adicadas a defender a calidade dos servizos públicos. Por exemplo no Ensino, como a mellora do IES Concepción Arenal, a demanda dun pavillón deportivo para o IES de Ferrol Vello ou de recursos para atender as necesidades dos departamentos de orientación. Nos servizos sociais, trasladando as necesidades do CAPD Souto de Leixa, a residencia pública de Caranza, ou a transferencia do CAMF. E por suposto da sanidade pública, reivindicando o reforzo da atención primaria, da area de rehabilitación e a mellora das instalacións.
Outra constante foi a demanda da rexeneración da nosa ría e a solucións dos problemas medioambientais que lle afectan derivadas dos fallos no sistema de depuración, igual que a mellora do transporte público por estrada e as conexións ferroviarias de Ferrol e Comarca.
A defensa do sector naval ocupa tamén un lugar destacado e constante na súa actividade, sempre desde a perspectiva do aproveitamento de todas as súas potencialidades, retirando vetos e reclamando investimentos para o futuro.
O BNG, a alternativa necesaria
A nosa organización atende con esta aposta unha demanda social, a de presentar unha alternativa gañadora fronte a un Partido Popular de costas á cidadanía, que abandona os barrios, a política de vivenda, os servizos sociais, a cultura do país e sen un modelo de cidade a altura do S.XXI.
Mon Fernández representa mellor que ninguén o orgullo e a confianza en Ferrol, sen ataduras, fronte a un Rey Varela, exemplo perfecto de político condicionado por priorizar as directrices do Partido Popular fronte as necesidades de Ferrol.
Mon Fernández destaca que “desde o BNG tendemos a man a todas persoas que aposten por un Ferrol vizoso, vibrante, inclusivo e orgulloso, e por un Concello centrado en proporcionar servizos de espazos de confort para todos os veciños e veciñas”.
Món Fernández tomará o relevo de Iván Rivas após o noso portavoz anunciar días atrás que non ía repetir como cabeza de lista do BNG nas vindeiras eleccións e a quen a militancia local do BNG transmite o seu profundo agradecemento pola súa entrega e traballo ao longo destes anos.
A presentación pública do candidato á Alcaldía realizarase o vindeiro día 10 nun acto no que estará acompañado da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e no que presentará as ideas-forza da proposta do BNG de cara as vindeiras eleccións municipais.