ROBERTO MONTERO: " ESTES ATAQUES A REBOIRAS FORMAN PARTE DUNHA ESTRATEXIA DO PP DE ATAQUE AO NACIONALISMO"

O BNG censura a postura do PP sobre a figura de Moncho Reboiras.

Roberto Montero
Roberto Montero
O BNG censura a postura do PP sobre a figura de Moncho Reboiras.

O BNG de Ferrol tacha de fascista e reaccionaria a proposición non de lei presentada polo Partido Popular no Parlamento de Galiza instando a retirada das figuras de homenaxe a Moncho Reboiras que existen nas diferentes cidades de Galiza. Esta iniciativa do Partido Popular coincide co 50 aniversario do asasinato de Reboiras a mans da policía Franquista e evidencia os valores ditatoriais e antidemocráticos que permanecen nesta organización política.

Roberto Montero concelleiro do BNG lembra que Moncho Reboiras foi asasinado na nosa cidade, a altura do nº 27 da rúa da Terra, na madrugada do 12 de agosto de 1975 tras unha operación desenvolvida pola policía franquista na que foi abatido dun tiro polas costas, sen que mediase uso de arma algunha por parte da vítima.

Dende o BNG recordan que Ramón Reboiras era un rapaz nacionalista de tan só 25 anos, foi o último asasinado pola ditadura franquista na Galiza, e recoñecida polo estado como unha vítima do franquismo, unha persoa clave na defensa da democracia, dos dereitos nacionais da Galiza e da defensa e organización da clase traballadora galega, sendo un elemento clave na creación tanto das Comisións Labregas como do Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora do que hoxe é a CIG.

Parece incribél que unha organización política como o Partido Popular que se pretende democrática use institucións como o parlamento Galego para intentar anular as decisións democrática dos concellos, atacando o pluralismo político e a liberdade de expresión e atentando ademais contra a lei de Memoria histórica” comenta Montero

O BNG asegura que estes ataques a Reboiras forman parte dunha estratexia do PP de ataque ao nacionalismo para o que non dubidan en recorrer a falsificación da historia, a vez que se pretende instaurar un réxime de control da sociedade para continuar aplicando políticas de espolio permanente na Galiza e xustificar a represión dos movementos populares que se opoñan a esas decisións, ao mesmo tempo que intenta impor un concepto de democracia na que ninguén poida discrepar das súas políticas.

Montero asegura que é un comportamento reproducido polo PP de Ferrol. “ podemos lembrar o veto do goberno de Rey Varela a participación da familia de Reboiras no acto de inauguración do memorial as vítimas do franquismo situado no parque Antón Varela de Canido ou tamén o PP de Ferrol negou calquera posibilidade de homenaxe nun espazo público a figura de Reboiras en forma de estatua, monólito ou posibilidade de nomear unha rúa ou praza co seu nome”, proposta que foron feitas pola comisión que se creou polo 50 aniversario do seu asasinato encabezada pola fundación Moncho Reboiras e a Fundación Terra e Tempo.


 

O BNG censura a postura do PP sobre a figura de Moncho Reboiras.