IVÁN RIVAS: "O BNG ESTÁ NUNHA BOA SITUACIÓN PARA CONTINUAR AVANZANDO NAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS E É A ÚNICA ALTERNATIVA POLÍTICA PARA FERROL. "
Iván Rivas anuncia que non repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Ferrol
Ferrol 13 de maio de 2026. Iván Rivas, portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego no concello de Ferrol, compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar que non será o candidato, do BNG a alcaldía de Ferrol nas próximas eleccións municipais de 2027.
Iván Rivas, sinalou que as razóns polas que non se presenta ás próximas eleccións municipais son, por unha parte, de carácter profesional e, por outra, aínda que poida parecer típico e manido, por razóns de tipo persoal. Destacou que “para min a política é unha paixón, pero a miña profesión tamén o é”.
Rivas considera que, politicamente, na cidade o BNG ten pasado por todo tipo de circunstancias e lembrou que asumiu a responsabilidade de presentarse en 2015 co obxectivo de evitar a desaparición da Corporación Municipal do Bloque Nacionalista Galego, algo que, como é sabido non aconteceu e o BNG mantivo a presencia na corporación municipal de Ferrol onde leva desde o ano 1991.
Rivas sinala que o Bloque Nacionalista Galego chega as vindeiras eleccións municipais de 2027 despois de ser a única forza política na Corporación Municipal de Ferrol que incrementou o seu número de votos nas eleccións de 2023. En calquera caso, sinalou, que tan importante como saber chegar e saber irse, “collemos o Bloque Nacionalista Galego nunhas circunstancias moi difíciles, tiñamos a responsabilidade de consolidar este proxecto político en Ferrol e agora, en outras circunstancias, penso que é o momento de dar un paso ao lado.”
Para Rivas o BNG está agora bastante mellor que en 2015. Está nunha boa situación para continuar avanzando nas próximas eleccións municipais e considera o BNG é a única alternativa política para Ferrol. E afirmou que sexa quen sexa a persoa que encabece a candidatura o resultado e o futuro político do Bloque Nacionalista Galego en Ferrol está garantido.
Por todas estas razóns e despois de ter sido un verdadeiro orgullo formar parte da corporación municipal en Ferrol durante todos estes anos no que non deixar de aprender de todos e de todas hoxe anunciou que non será o próximo candidato do Bloque Nacionalista Galego ás eleccións municipais de 2027.
Rivas quixo agradecer o apoio recibido ao longo de todos estes anos a todos e todas as xornalistas coas que ten coincidido porque sempre recibiu respecto e profesionalidade. Tamén se lembrou dos compañeiros e compañeiras de corporación, por ser capaces, con carácter xeral, de manter o debate político nese ámbito e “ao Bloque Nacionalista Galego, por ter confiado en min naquelas eleccións xa lonxanas de 2015 e, sobre todo, a veciñanza da cidade de Ferrol, que, durante todo este tempo, ten dado o seu apoio ao proxecto político do Bloque Nacionalista Galego en circunstancias moitas veces complicadas e difíciles.“