Iván Rivas insta ao alcalde a demandar solucións ao illamento ferroviario
Ferrol 2 de decembro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, insta ao alcalde da cidade, Angel Mato, a aclarar se aproveitou o encontro coa Ministra de Transportes para esixir unha solución aos problemas ferroviarios que afectan a nosa cidade que nos condenan ao illamento co resto do país.
Iván Rivas, portavoz do BNG, salientou que xa comeza a ser habitual o silencio de Angel Mato diante da Ministra de Transportes á hora de exixir ao Goberno do Estado que consigne fondos económicos para acometer a mellora e modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña.
Iván Rivas considera triste para Ferrol a paradoxa á que nos somete Angel Mato co tema das conexións ferroviarias na cidade. Un Alcalde que en repetidas ocasións presentou publicamente, nada máis e nada menos que, tres estudos diferentes sobre a materia, pero cando se presenta diante da Ministra garda un sepulcral silencio.
Rivas lamentou que onte Angel Mato evitara pronunciarse sobre a discriminación á que o goberno central somete a nosa cidade e as nosas conexións ferroviarias o que evidencia o papel totalmente sumiso de Angel Mato para co goberno central incapaz de expoñer os problemas de Ferrol.