O BNG urxe ao goberno local dar unha solución ás usuarias do Centro de Día de Menores
Ferrol 2 de decembro de 2021. María do Mar López, concelleira do BNG no concello de Ferrol, volveu a demandar ao goberno local que restabeleza o servizo de transporte para os e as usuarias do Centro de Día de Menores que a Deputación da Coruña ten na nosa cidade e lamentou que o goberno local siga buscando escusas para non prestar este servizo.
María do Mar López, concelleira nacionalista, abordou esta cuestión na comisión informativa de benestar celebrada esta mañá onde tamén se interesou pola situación do convenio existente entre o concello de Ferrol e a Deputación da Coruña co obxectivo de que se cubran as prazas. Non debemos recortar servizos a familias en situación de vulnerabilidade como son as usuarias deste centro de día de menores ao que acoden familias coas que o departamento de Benestar Social realiza programas de intervención familiar.
O BNG non comprende os motivos polos que se chegou á situación actual sobre todo se temos en conta que a responsábel política do centro de menores, Ana Lamas, forma parte do goberno municipal. A solución é cuestión de vontade política e polo que se ve o goberno de Angel Mato trata de ocultar a responsabilidade política das dúas concelleiras implicadas na xestión deste servizo.
O BNG lembra que o concello de Ferrol desde hai moitos anos ven prestando o servizo de transporte de autobús con acompañante para as menores que acoden ao Centro de Día de Menores que ten conveniado coa Deputación da Coruña. Na actualidade o nível de ocupación do centro de menores é do 50% algo incomprensíbel nas actuais circustancias sociais polas que atravesa a comarca e a nosa cidade.
O programa de Centro de Día de menores ten como función a atención a menores pertencentes a familias coas que o departamento de Benestar Social Municipal realiza algún tipo de intervención familiar, tendo entre os seus obxectivos a normalización das funcións parentais e a autonomía das familias na cobertura das súas propias necesidades.
Como complemento a este programa e para aquelas familias das crianzas que tiñan dificultades para desprazarse desde os seus centros educativos até as instalacións do centro de Día de Menores da Deputación na nosa cidade o concello dispuña deste servizo de transporte.