Caravana reivindicativa do BNG para demandar a reparación integral da estrada FE-13
Ferrol 16 de febreiro 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol demanda unha vez máis a reparación integral da FE-13, dende a estrada de Castela ata a estrada de Catabois, por parte da demarcación de estradas do estado dependente do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible.
Despois das constantes demandas do BNG de Ferrol e das diferentes iniciativas por parte do deputado nacionalista no congreso Néstor Rego instando a reparación integral desta estrada, os nacionalistas dan un paso máis en busca dunha solución e organizarán unha caravana reivindicativa de coches prevista para o vindeiro sábado 21 as 12 h. da mañá que sairá dende a praza de San Xoán e percorrera esta vía.
O BNG leva tempo tachando de chapuzas os constantes parcheados, que duran só uns meses, e demandando unha solución integral que permaneza no tempo. Considera inaceptábel o trato que recibe esta infraestrutura, fendas, fochancas, falla de sinalización horizontal e desprendementos permanentes de grava que poñen en perigo constante os usuarios e usuarias desta estrada. Continuos cambios de carril , parabrisas rotos e problemas de agarre o frear son o día a día na FE-13
Os nacionalistas lamentan que Ferrol teña un alcalde que peche os ollos ante esta situación e que tamén mantén abandonadas as estradas municipais. Tamén manifestan como intolerable o comportamento e o abandono o que ten sometido a Ferrol e comarca o Ministerio de transporte e mobilidade.