O BNG valora positivamente o encontro co Foro Cidadán polo Ferrocarril

Reunión Foro cidadán polo ferrocarril
Reunión Foro cidadán polo ferrocarril
O BNG valora positivamente o encontro co Foro Cidadán polo Ferrocarril

Ferrol, 3 de xuño de 2025.Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, valorou moi positivamente a reunión desenvolvida no día de hoxe entre os grupos municipais e o Foro Cidadá polo Ferrocarril e destacou o papel imprescindible que os colectivos sociais da cidade teñen que xogar para poder acadar o obxectivo de modernización das infraestruturas ferroviarias de saída da cidade.

Rivas aclarou que tras a reunión desenvolvida en Madrid a pasada semana e circunscrita ao ámbito institucional cómpre ser capaces de aglutinar o maior número de forzas posibles ao redor dunha demanda histórica co obxecto de que o goberno do Estado non teña máis opcións que a súa execución.

O portavoz municipal do BNG de Ferrol agradeceu o traballo desenvolvido polo Foro, imprescindible para poder chegar até aquí e comprometeu a vontade do BNG por acadar unha voz unánime na cidade ao respecto das demandas de modernización do ferrocarril sobre a base dunha proposta capaz de vertebrar a comarca e sacar do ostracismo a unha poboación de máis de 500.000 persoas.

 

Neste senso fixo unha chamada a PP e PSOE para que abandonen a política do “e ti máis”, porque tanto un coma outro terían moitas explicacións que dar, e instounos a acompañar as demandas da veciñanza de solucións inmediatas, como a execución do By-pass de Betanzos, o incremento das frecuencias e a procura de propostas conxuntas para a modernización do trazado ou mesmo a asunción de competencias ferroviarias que nos permitan desenvolver un tren de proximidade que vertebre o territorio.

 

O BNG valora positivamente o encontro co Foro Cidadán polo Ferrocarril