O BNG pide que o Pleno de Ferrol condene o xenocidio en Palestina e declare a Netanyahu persoa non grata

concentración apoio a palestina
concentración apoio a palestina
O BNG pide que o Pleno de Ferrol condene o xenocidio en Palestina e declare a Netanyahu persoa non grata

Ferrol 28 de maio de 2025. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de trasladar unha moción ao vindeiro Pleno do Concello de Ferrol coa que pide condenar as “accións xenocidas” do Estado de Israel na faixa de Gaza e esixe medidas concretas diante da masacre e catástrofe humanitaria que padece o pobo palestino.

Con esta iniciativa o BNG quere trasladar o clamor da veciñanza de Ferrol en contra da ofensiva militar israelí. A moción do Bloque busca que o Pleno de Ferrol condene sen ambaxes o xenocidio que está a perpetrar Israel e declare a Benjamin Netanyahu e o seu goberno persoas non gratas pola súa responsabilidade.

Entre as medidas recollidas na iniciativa, o BNG insta ao Goberno español a facer efectivo o embargo total de armas, acordado no Congreso, así como a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas con Israel. Aliás, chama a apoiar as accións da Corte Internacional de Xustiza para que sexan xulgados os responsábeis de crimes de guerra e lesa humanidade, e como promover accións a nivel europeo e internacional para poñer fin ao xenocidio en curso e ocupación da Palestina.

Por outro lado, a fronte nacionalista demanda aos Gobernos galego e municipal que suspendan toda cooperación con Israel, directa ou indirecta, e tamén calquera contrato público con empresas ligadas á industria militar israelí. O Bloque reclama ademais o envío de axuda humanitaria por parte de ambas administracións, e accións de condena do xenocidio a través da Acción Exterior da Xunta.

Desde o BNG facemos un chamamento con esta moción a todas as institucións para actuar con firmeza e lograr un cesar-o-fogo inmediato e definitivo e a apertura de corredores humanitarios, como primeiros pasos para poñer fin a tanto sufrimento inxusto.


 

O BNG pide que o Pleno de Ferrol condene o xenocidio en Palestina e declare a Netanyahu persoa non grata