O BNG propón urbanizar de imediato a rúa Casquido en Santa Mariña
Ferrol 16 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol mantivo esta mañá un encontro coa veciñanza do camiño do Casquido en Santa Mariña para esixir que se execute o acordo de urbanización deste vial e anunciou que levarán esta problemática ao pleno municipal.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, quixo chamar a atención ao goberno local para que actúe e resolva os problemas que como este no barrio de Santa Mariña cada vez se multiplican máis no conxunto do concello. É por isto que o BNG reclama que é hora de asumir que esta cidade precisa contar cunha cuadrilla municipal de mantemento de viais e espazos públicos ademais de reclamar que o goberno municipal dea cumprimento aos acordos do orzamento municipal do ano 2021 nos que existía unha dotación económica de mais de 70.000 € para acometer a reparación desta rúa.
Iván Rivas, sinalou que o enfado dos veciños e veciñas está totalmente xustificado polo abandono evidente que sofre esta rúa igual que o conxunto do barrio que ten un mantemento que cada vez é máis precario.
Para o BNG resulta impresentable o abandono e a indiferencia do goberno local diante desta situación igual que resulta sorprendente que tendo no orzamento o diñeiro necesario para acometer estas obras se actúe de xeito tan indolente con esta situación que viven dia a dia os veciños da rúa Casquido.
Iván Rivas avanzou que o BNG presentará unha proposta avalada polos veciños e veciñas do barrio no vindeiro pleno municipal para demandar a urbanización urxente da rúa Casquido e a necesaria brigada municipal de reparación de viais.
Maria Rivas, presidenta da A.V.V. de Santa Mariña
María Rivas, sinalou que mobilizaran aos veciños no vindeiro pleno porque este víal está desfeito, porque non se pode baixar por el cos coches nin practicamente andando. Afirmou que é unha vergoña, unha tomadura de pelo. Foron moitas veces que solicitaron unha actuación neste vial ao goberno municipal sen ter resposta. Lamentou que habendo diñeiro no orzamento non se entende porque non se fai.
Maria Rivas sinalou que a veciñanza se sinte como se estiveran deixados da man de Deus, parece que non somos veciños de Ferrol, é unha deixadez. Pediu que se arranxe dunha vez e lamentou que o conxunto do barrio está bastante abandonado, tanto os camiños como pola maleza que cubre todo.