O BNG URXE A FORMALIZACIÓN DO CONVENIO PARA O SANEAMENTO DA ZONA RURAL
Ferrol 15 de febreiro de 2023. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, esixiu esta mañá à Xunta de Galiza e ao goberno local de Ferrol que formalicen de forma inmediata o convenio para o desenvolvemento do proxecto de saneamento da zona rural e a súa tramitación plenaria.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, pediu celeridade ás administracións implicadas xa que desde o mes de outubro no que o alcalde da cidade e o presidente da Xunta se comprometeron á firma deste convenio nunca nada máis se soubo do mesmo, o que da a entender que non existe vontade por resolver este proxecto.
Para o BNG que o Alcalde da cidade rectificase e desvinculara a execución do proxecto de saneamento para a zona rural de Ferrol da xestión de EMAFESA e da aprobación das contas da empresa, tal e como propuña o BNG, xunto coa inclusión dunha partida nos orzamentos da Xunta para esta finalidade posibilitaba o desenvolvemento deste proxecto que lamentablemente a desidia do PP e do PSOE están a paralizar.
O BNG, por outra parte, lembra que desde o ano 2014 a empresa EMAFESA leva cobrando a taxa de depuración en virtude dun suposto acordo que implicaría a execución do saneamento da zona rural nun período de 6 anos que remataría no ano 2020.Cando enfilamos o primeiro trimestre do 2023 a empresa mixta de augas de Ferrol non ten destinado un só euro dos seus ingresos a este fin.
É por este motivo que Iván Rivas esixe que xunto coa necesidade de formalizar o convenio entre a Xunta e o concello de maneira inmediata, compre, que o goberno local inicie a reclamación a EMAFESA dos importes recadados para a execución do saneamento ao longo destes anos.