O BNG esixe ao goberno local que tramite o expediente do novo taller de sub-bloques de Navantia Ferrol
Ferrol 1 de decembro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, acusou esta mañá ao goberno municipal de ter paralizados os trámites relativos á construción do taller de sub-bloques no estaleiro de Navantia.
Iván Rivas, considera que o goberno municipal non ten interese en tramitar o estudo de detalle preciso para acometer estas infraestruturas e se adica a deixar correr o tempo sen tomar ningún tipo de acordo para a finalización deste expediente, contribuíndo ao abandono dos estaleiros da ría de Ferrol e o baleirado das súas gradas. Tal e como quedou demostrado na comisión informativa de urbanismo celebrada esta mañá e na que se evidenciou o nulo interese do goberno municipal por solventar este asunto.
Iván Rivas considera que o goberno municipal coa súa actitude está a impedir que se executen as xa de por si raquíticas partidas orzamentarias que o Estado adicaba ao naval de Ferrol. Uns orzamentos que, lembremos, esquecen a situación actual dos estaleiros da ría, remitíndonos, unha vez máis, ao inicio das fragatas F110, polas que levamos agardando preto de 10 anos, mentres se reduce o plantel da empresa Navantia e continuamos coas gradas baleiras ao tempo que se anuncia un BAM para os estaleiros de Cádiz.
Para o BNG é inadmisible que máis dun ano despois de terse presentado o Estudo de Detalle para o taller de sub-bloques o goberno local teña sen resolver este expediente o que está a comprometer os investimentos no estaleiro.
O BNG lembra que a parte substancial dos importes consignados nos orzamentos para 2022 limítanse a proxectos xa comprometidos en anualidades anteriores ou relacionados coa execución do taller de sub-bloques en terreos do Ministerio de Defensa por parte da SEPI, pero cuxa tramitación ten paralizada o goberno local.