O BNG propón un roteiro histórico para lembrar o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega
Ferrol 28 de febreiro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol invita a participar o vindeiro domingo, 6 de marzo, nun roteiro histórico para conmemorar o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega e lembrar os sucesos e a loita obreira de marzo do 72 na nosa cidade.
Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.
O BNG deseñou un roteiro histórico que, partirá ás 11:30 horas da porta de “Bazán” e repasará diversos aspectos relacionados cos sucesos de marzo do 72: a loita obreira, a represión policial, a solidariedade até o significado desta data e os seus logros. Esta actividade estará guiada polo historiador Joam Lopes e contará, ademais, coa participación de persoas que foron protagonistas destes feitos como: Alfonso tellado, Francisco Rodríguez ou Anxo Ferreiro.
Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, indicou que con esta actividade o BNG quere contribuír a que as conmemoracións do 10 de marzo do 72 non se convertan nun muro das lamentacións e sexan uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.
O BNG lembra que a tráxica data do 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin.