O BNG lamenta que a deixadez do goberno local impida a Ferrol optar as axudas do Ministerio de Transportes
Ferrol 25 de febreiro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol lamenta que a cidade de Ferrol pola deixadez do goberno municipal e por non asumir as súas competencias, está a perder a posibilidade de participar nas convocatorias de axudas que convoca o Ministerio de Transportes para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostíbel do transporte urbano
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, salientou que esta situación é unicamente responsabilidade directa do goberno local pola negativa a asumir a xestión do transporte público na cidade Ferrol e por non ter aprobado o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) requisitos necesarios para optar a estas axudas.
O BNG lembra que a maioría das cidades galegas veñen de recibir axudas grazas a esta convocatoria para desenvolver proxectos de cara á mellora da calidade do aire, a implantación de zonas de baixas emisións ou a mellora do transporte público urbano, às que Ferrol xa nin puido concorrer por incumprir os requisitos mínimos estabelecidos nas súas bases.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, indicou que resulta evidente que esta cidade precisa dunha actitude diferente por parte do goberno municipal para mellorar o transporte público. O goberno local debería deixar de mirar para outro lado diante da situación do transporte metroploitano e lembra que a única alternativa que ten é a xestión directa por parte do concello.
Iván Rivas instou ao goberno local a levar adiante o PMUS e a desenvolver liñas de transporte urbano municipais que complementen a actual concesión que ten evidentes carencias e lamentou que se deixen pasar oportunidades como estas para resolver unha das maiores problemáticas da cidade como é o transporte público naqueles casos que nos afecte de maneira exclusiva.
Así mesmo Iván Rivas indicou que o desinterese do actual goberno local tamén se evidencia en que Ferrol aínda non teña aprobado un Plan de Mobilidade, O BNG xa advertira, o ano pasado, que fronte a decisión do goberno municipal de revisar á baixa o pacto pola mobilidade subscrito no ano 2018 o obxectivo para a cidade debía ser o seu desenvolvemento.