O BNG propón redefinir os usos do Sánchez Aguilera e convertelo no pulmón verde da cidade

Iván Rivas e María López
Iván Rivas e María López
Iván Rivas, portavoz nacionalista, proponlle ao PSOE que rectifique e execute a proposta que lle achegou o BNG a inicios deste ano para desvincular o Plan do Sánchez Aguilera do convenio con Defensa
O BNG propón redefinir os usos do Sánchez Aguilera e convertelo no pulmón verde da cidade

Ferrol 1 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao actual goberno de concentración do PSOE e PP que deixen de mirar cara o pasado para dar resposta aos problemas do presente da cidade e desboten a ratificación dun Plan para o cuartel do Sánchez Aguilera concibido na época da burbulla inmobiliaria hai xa máis de 10 anos.

 

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que Ferrol é a 2ª cidade galega coa porcentaxe de vivendas baleiras máis alto, co 19,77% delas desocupadas e o que precisa é unha decidida política de rehabilitación das vivendas preexistentes e recuperación urbana das rúas da cidade para potenciar o comercio local. Polo tanto é absurdo propoñer a construción de 460 vivendas e un novo centro comercial nos terreos do cuartel Sánchez Aguilera e ademais ter que pagar 500.000 euros por terreos abandonados desde hai décadas que deberían reverter gratuitamente nos e nas ferrolás.

 

Por outra parte o acontecido durante estes meses pasados tras a crise sanitaria da Covid evidenciou a carencia de espazos verdes na cidade e a demanda social destes, tal e como se demostra no Estudo de saúde urbana en 1.000 cidades europeas desenvolvido por ISGlobal, onde Ferrol ocupa o posto número 48 de 866 cidades europeas segundo o seu índice de vexetación, onde a cidade situada en primeiro lugar ten os peores datos de mortalidade relacionados coa carencia de espazos verdes.

 

Por estas razóns Iván Rivas, portavoz nacionalista, proponlle ao PSOE que rectifique e execute a proposta que lle achegou o BNG a inicios deste ano para desvincular o Plan do Sánchez Aguilera do convenio con Defensa co obxecto de redefinir ese espazo central da cidade para convertelo nun pulmón verde da cidade mediante a súa recalificación urbanística para integrar ese espazo no sistema de espazos libres e zonas verdes do PXOM da cidade.

O BNG propón redefinir os usos do Sánchez Aguilera e convertelo no pulmón verde da cidade