As festas de Ferrol: un modelo cultural acomplexado e obsoleto
Ferrol 29 de xullo de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol pide sacar a cidade do burato negro dos anos 80 nos que o goberno local a volveu a meter coa programación dunhas festas de verán que reflicten a nula vontade política por mudar a orientación dunha actividade que deberían actuar como espello da capacidade cultural e de produción de artistas galegas e galegos do século .XXI e non o reflexo esvaecido de artistas do século XX.
María López, concelleira do BNG, considera que as festas de Ferrol deberían servir ademais para facer de escaparate da nosa cultura, da expresión artística e da creatividade dos galegos e das galegas e a programación presentada polo goberno municipal do PSOE obedece a un modelo de xestión en materia cultural acomplexado e obsoleto.
Desde o BNG lamentamos, unha vez máis, que o goberno municipal volva a marxinar e reducir a anécdota calquera manifestación artística e cultural que se vehiculice en lingua galega e que os grupos do país estean sendo marxinados do programa do Concello de Ferrol. En Galiza temos un tecido cultural rico e diverso no que existen grupos e artistas de grande calidade, con prestixio recoñecido mundialmente en todos os estilos pero que non se teñen en conta para a súa participación nas festas.
Os números son do máis representativo sobre o que estamos a indicar: 7 concertos en español (sen contar os grupos locais e rondallas), 1 en galego e 1 en inglés. Para as máis pequenas 3 en galego e 3 en español. Así mesmo resulta curioso que o goberno local etiquete sen máis como “grupos locais” os concertos na praia de Doniños sen nomear que grupos actuarán privándolles aos mesmos da promoción que supostamente se lles busca.
Para o BNG este feito, que se repite ano tras ano e goberno tras goberno, é preocupante polo que significa de negación do propio e do País e porque evidencia unha practica política similar no desenvolvemento destes eventos por parte deste goberno e dos anteriores..
O BNG afirma que a programación presentada demostra, tamén, a falta de apoio ás artes escénicas e musicais de Galiza e tamén a falta de apoio á creación de riqueza que reverte neste País. Cremos que a língua e a cultura propias son un valor e o Concello como institución ten que axudar a promovelas.
María López, concelleira do BNG, advirte que o plantexamento feito desde o Goberno Municipal minusvalora a nosa produción artística co obxectivo de anular a nosa capacidade de expresión propia. Cremos, desde o BNG, que as festas deben servir como mecanismo de promoción e desenvolvemento deste sector en Galiza e as administracións teñen a obriga de alentar estes obxectivos e non irmos constantemente a ámbitos foráneos que non teñen vínculos de ningún tipo co tecido cultural galego para axudar ao seu crecemento.