O BNG acusa ao goberno local de poñer en risco iniciativas culturais na cidade
Ferrol 2 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusou esta maña ao goberno local de poñer en risco o desenvolvemento de iniciativas culturais de base na cidade ao desentenderse dos compromisos que tiña adquirido coas entidades organizadoras das mesmas e non convocar a comisión de cultura que tiña que dar luz verde ao financiamento comprometido coas mesmas.
Maria do Mar López, concelleira do BNG, lamentou a actitude do goberno municipal por non ter convocado a comisión de cultura desde finais do mes de xullo e por non atender as demandas destes colectivos veciñais.
O BNG lembra que desde o goberno local se comprometera unha axuda, derivada de remanentes de festas, para a celebración de diferentes actividades promovidas por entidades de base e veciñais da nosa cidade como pode ser o Festival Folc do Inferniño ou festas populares como a Parrocheira entre outras.
Estas axudas ían tratarse nunha comisión de cultura que tiña que celebrarse hai máis de quince días, pero que nunca se celebrou xerando incertidume e poñendo en perigo a celebración dalgunha destas actividades como o Festival “Inferniño Folc”.
María López, concelleira do BNG, pediu ao goberno local que igual que fai con outros eventos desenvolva as medidas que permitan a celebración desta actividade.
O BNG exixe ao goberno municipal que retome as canles de diálogo co movemento veciñal e asociativo e tramite estas axudas co obxecto de contribuir a desenvolver esta actividade que supón un beneficio para o conxunto da sociedade e sirve de dinamización e contribue a potenciar as nosas tradicións culturais.