O BNG pide que os orzamentos municipais sirvan para mudar as políticas desenvolvidas en Ferrol.
Ferrol 10 de maio de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, cualificou a proposta de orzamentos presentada polo goberno local para 2021 como conservadora, orientada a que todo permaneza igual e a consolidar o status quo da cidade. Para o portavoz nacionalista o que precisa Ferrol é xustamente o contrario, unha política rexeneradora e unha mudanza substancial das políticas desenvolvidas até hoxe.
Iván Rivas, tras analizar o documento aportado polo goberno local salientou 5 cuestións significativas que evidencian esta vontade pouco transformadora do goberno municipal.
En primeiro lugar porque son uns orzamentos que afianzan a voráxine privatizadora iniciada en 2012 polo goberno de Rey Varela. O capítulo 1, que habitualmente é o de maior gasto en calquera administración, no concello de Ferrol cada vez ve máis reducido os seus importes e nesta proposta para 2021 no chega aos 20M ( 19,74M) de euros. Pola contra o gasto en contratación de empresas externas se dispara e chega aos 28,23M de euros.
En segundo lugar porque son uns orzamentos orientados a compensar os privilexios duns co esforzo da maioría. Diante da situación límite á que esta a chegar esta cidade pola falla de ingresos provocada porque nin a Autoridade Portuaria, nin Navantia, nin o Mº de Defensa cumpre coas súas obrigas tributarias, o goberno local decide paliar esta merma de ingresos mediante a imposición de sancións e multas aos veciños e veciñas. Estes orzamentos recollen un incremento de máis de 2M de euros por este concepto respecto de 2018, o que multiplica por tres a previsión de recadación respecto dese ano 2018.
En terceiro lugar porque os investimentos recollidos neste documento son os orzamentos do mandato. A proposta achegada asegura que neste ano 2021 desenvolveranse 18M de euros en investimentos públicos na cidade. A ninguén se lle escapa que esta previsión dista moito de facerse real dado que estamos a metade do ano e aínda non contamos co documento orzamentario aprobado. Por tanto, estamos a falar dos investimentos do mandato dado que é o primeiro orzamento proposto por este goberno desde a súa chegada ao goberno da cidade.
En cuarto porque lugar continúan a aplicarse os criterios de austeridade económica impostos polo PP en 2012 pese a que puntualmente e até 2022 as reglas fiscais de contención de gasto público están suspendidas.
É significativo desta política económica que este orzamento conte cun superavit orzamentario de máis de 2M de euros. Un diñeiro susceptible de destinarse a paliar moitas deficiencias na cidade, do mesmo xeito que se pretende amortizar 1,4M de euros de débeda nun momento no que pagar aos bancos non debe ser unha prioridade.
Isto provoca que seguimos cun nivel de débeda moi baixo, próximo ao 30% e moi lonxe do límite legal do 75%.
Por último é significativo que o anexo de subvencións nominativas nin se achegue na documentación relativa a este orzamento e demostra que para este goberno hai temas, como o reparto discrecional do diñeiro público, que non son susceptibles nin de debate nin de análise.
Por todas estas cuestións o portavoz municipal do BNG instou ao Alcalde da cidade a reorientar os orzamentos para que sirvan de punto de inflexión para mudar a situación da cidade mediante políticas de expansión do público asumindo directamente a xestión de servizos básicos, que deben empregar os recursos municipais en desenvolver investimentos que resolvan os problemas da cidade e non que xeren máis por infrautilización ou por supoñer un incremento dos gastos posteriores de mantemento e instou ao goberno a redefinir a política recadatoria do concello exixíndolle aos que deben asumir a súa responsabilidade tributaria que o fagan no canto de buscar nos petos veciños e veciñas da cidade con multas e sancións a maneira de compensar os privilexios doutros.