O BNG propón un acordo ao goberno local sobre o saneamento, o urbanismo e os servizos municipais

Iván Rivas Rico
Iván Rivas Rico
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG e candidato á alcaldía de Ferrol, asegurou que sendo consciente da importancia das eleccións municipais cómpre resolver algúns dos temas que levan tempo paralizados e demandando respostas por parte dos veciños e veciñas da nosa cidade.
O BNG propón un acordo ao goberno local sobre o saneamento, o urbanismo e os servizos municipais

Ferrol 11 de xaneiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol dirixiuse esta mañá ao goberno municipal de Angel Mato para ofrecerlle un acordo a respecto de tres aspectos importantes para a cidade que poderían quedar resoltos antes do inicio da campaña electoral o vindeiro mes de maio.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG e candidato á alcaldía de Ferrol, asegurou que sendo consciente da importancia das eleccións municipais cómpre resolver algúns dos temas que levan tempo paralizados e demandando respostas por parte dos veciños e veciñas da nosa cidade.

É por isto que Iván Rivas, portavoz do BNG, proponlle a Angel Mato un acordo en relación a tres aspectos fundamentais para a nosa cidade como son: A xestión do saneamento, a aposta por un urbanismo sustentábel e a mellora dos servizos públicos municipais.

O BNG propón ao goberno municipal un acordo para evitar ter que seguir pagando a depuración do concello limítrofe de Narón, que pasa por devolverlle a EDAR á Xunta, propietaria desta infraestrutura supramunicipal e responsábel da instalación.

Non parece lóxico ter que seguir facéndose cargo dos custes da depuración do concello de Narón cando este concello se nega a pagar e menos asumir o papel de intermediario da empresa EMAFESA, tal e como ven acontecendo até o de agora.

Un segundo aspecto, que o BNG propón abordar, é respecto do modelo de cidade. Iván Rivas propúxolle hoxe ao Alcalde de Ferrol reorientar a concepción do urbanismo na cidade, pasando do modelo desarrollista até agora vixente para transformalo nun modelo de urbanismo sustentábel.

Neste senso compre avanzar na consecución deste obxectivo en puntos estratéxicos do concello como é o futuro do Cuartel Sánchez Aguilera. Por iso, e despois de máis de 10 anos dun Plan Especial baseado na construción de 460 vivendas e un centro comercial sen que se levase a cabo, o BNG propúxolle ao goberno local a reclasificación como zona verde deste espazo neurálxico para convertilo no gran pulmón verde de Ferrol.

Xa por último, o BNG, propón un acordo que mellore a xestión pública dos servizos municipais comezando por aceptar a vixencia do convenio asinado polos e polas traballadoras da empresa, exixindo a Urbaser que de cumprimento aos acordos recollidos neste convenio, e ao mesmo tempo que se inician os trámites para a municipalización do servizo de recollida de lixo, que despois de 8 anos sen contrato se demostra como a mellor opción posible para a cidade e para os e as traballadoras.

O BNG propón un acordo ao goberno local sobre o saneamento, o urbanismo e os servizos municipais