O BNG presenta unha moción contra a suba das peaxes da AP-9 e pola mellora do transporte público

Concentración contra a estafa da AP-9
Concentración contra a estafa da AP-9
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, sinalou que resulta lamentábel a actitude do Alcalde desta cidade en relación coas comunicacións de Ferrol co resto do país.
O BNG presenta unha moción contra a suba das peaxes da AP-9 e pola mellora do transporte público

Ferrol 22 de novembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou esta mañá a moción que defenderá no vindeiro pleno municipal para que a corporación de Ferrol exprese o seu rexeitamento a suba das peaxes na AP-9 e a prol da mellora e do fomento do transporte público.

 

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, sinalou que resulta lamentábel a actitude do Alcalde desta cidade en relación coas comunicacións de Ferrol co resto do país.. O silencio de Angel Mato diante da proposta de suba das peaxes da AP-9 unido á renuncia expresa á mellora da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña xustificando que o Estado non contemple ningunha partida orzamentaria para esta actuación non son propias de quen di defender os intereses de Ferrol por riba doutras consideracións.

 

O BNG lembra que Ferrol é un caso singular dentro do panorama galego en materia de comunicacións e de transporte público, onde ninguén pon en dúbida os graves déficits que en materia de transporte público padece a nosa cidade. Uns servizos ferroviarios case inexistentes, excluídos de facto do eixo Atlántico ferroviario e unhas conexións coa cidade da Coruña que, por tempos e por frecuencias, as fan inoperativas para seren utilizadas con regularidade.

 

Así mesmo desde a instauración do último plan de transporte de Galiza, son milleiros as queixas de persoas usuarias, colectivos e traballadores ante este novo modelo no deseño das licitacións públicas e da súa execución ou posta en práctica. Un Plan que veu a deixar á nosa cidade peor comunicada e cun servizo máis precarizado, con eliminación de horarios, itinerarios e paradas, cuestión que repercute negativamente na vida diaria da sociedade local.

 

Iván Rivas afirmou que desde o BNG continuaremos a reivindicar a eliminación das peaxes e a transferencia da AP-9 á administración de cara a poder desenvolver unha xestión pública desta infraestrutura básica para o desenvolvemento económico e social desta cidade e desta comarca. Asi como dotar a nosa cidade duns servizos ferroviarios e de transporte por estrada adecuados, en tempos e servizos, ás necesidades dos veciños e veciñas de Ferrol.

 

Para Iván Rivas resulta sintomático o silencio cómplice tanto do alcalde da cidade como do Partido Popular que non abren a boca diante da aldraxe e agravio permanente para cos veciños e veciñas desta cidade, que supoñen as decisións do goberno central e da Xunta de Galiza en materia de transporte público en Ferrol.

 

O BNG presenta unha moción contra a suba das peaxes da AP-9 e pola mellora do transporte público