O BNG demanda a apertura da Casa da Muller de Ferrol
Ferrol 23 de novembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixe ao goberno municipal que proceda a apertura da Casa da Muller e que xunto ao tecido asociativo da cidade dote a este espazo dunha programación continuada que contribúa ao empoderamento das mulleres.
Maria do Mar López, concelleira do BNG, avanzou que con este fin presentaron unha moción ao pleno municipal para rematar coa situación de inactividade deste espazo municipal. Asi mesmo indicou que é preciso converter a Casa da Muller de Ferrol nun referente no que as mulleres, en situación de vulnerabilidade ou non, poidan acudir para solicitar axuda, información e participación desde unha perspectiva de xénero, así como ser ese lugar onde sentirse informada, acollida, protexida e querida.
O BNG considera que o labor da Casa da Muller debería pasar por desenvolver programas, campañas e actividades de promoción da igualdade de xénero e visibilización da presenza e do papel da muller na sociedade, así como do empoderamento da muller en todos os ámbitos sociais e ser un lugar de referencia para impulsar o traballo colaborativo entre as distintas asociacións e colectivos do concello que traballan activamente pola igualdade de xénero.
A día de hoxe isto non se está a cumprir, xa que desde o goberno local limitan o traballo da Casa da muller a atención das mulleres baixo demanda, e ultimamente previa cita telefónica.
María do Mar López, concelleira do BNG, cre que temos que converter a Casa da Muller nun espazo no que se incida e inflúa nas políticas, programas e proxectos que teñan como obxectivo avanzar cara a consecución real e efectiva da igualdade entre mulleres e homes, sendo necesario, polo tanto, a participación das mulleres como cidadás activas que exercen os seus dereitos e sexan as protagonistas nas reivindicacións e mobilizacións que buscan a transformación social cara unha sociedade igualitaria.
O BNG na súa moción tamén pide ao goberno local que proceda a actualización das redes sociais e da paxina web da casa da muller e do CIM.