O BNG pide ao goberno local que rexeite a proposta de modificación do servizo de transporte público elaborado pola Xunta
Ferrol 5 de xaneiro de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, pediu esta mañá ao goberno municipal que rexeite a proposta de modificación do servizo de transporte público presentada pola Xunta de Galiza por tratarse dunha reorganización de horarios que non supón un incremento dos servizos e non recolle as principais propostas da plataforma de usuarios e de defensa do transporte público.
Iván Rivas cualificou de decepcionante a actitude da Xunta de Galiza e considera que a proposta elaborada pola Dirección Xeral de Mobilidade non presenta ningunha alternativa que permita superar e mellorar a situación actual despois de meses de denuncias dos usuarios e usuarias.
Ivan Rivas, portavoz nacionalista, considera necesario que a Xunta acometa melloras no transporte público de xeito inmediato, incrementen os servizos e as frecuencias mediante:
A recuperación dos servizos directos á Coruña cada hora desde as 6.30h.
A recuperación de servizos específicos para traballadores e traballadoras e os e as estudantes e a implantación dun servizo de transporte que considere a accesibilidade universal como un dereito.
Tras analizar a proposta formulada pola Xunta de Galiza queda claro que se trata dunha mera redistribución de servizos que non modifica o número de quilómetros estabelecido na concesión en vigor, que está condicionada ao periodo lectivo e que obvia as reclamacións que se lle fan por parte dos usuarios e usuarias.
Para Iván Rivas a resolución deste problema é só cuestión de vontade política por parte da Xunta de Galiza dado que o actual contrato recolle como causa para a súa modificación a prestación de servizos especiais como os que a día de hoxe se teñen suprimido, ademais da posibilidade de adoptar modificacións do contrato para implementar servizos de interese municipal.